A Xunta brinda a súa total colaboración para aprobar en xaneiro o Plan de dinamización da Área Rexurbe de Mondoñedo

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda avanza que xa se teñen solicitado os informes a todas as consellerías para que indiquen os programas da súa competencia que se poden aplicar e informen da viabilidade técnica do Plan

Salienta que o IGVS xa acadou acordos para adquirir o 70% dos inmobles ofertados ao abeiro da oferta pública de 2020 do Programa Rexurbe

Recorda que a rehabilitación de Mondoñedo comezou coa posta en marcha de actuacións ao abeiro do programa Áreas Rehabilitación Integral (ARI), ás que se lle dedicaron 2,8 millóns de euros no caso da ARI Casco Histórico
 

Mondoñedo (Lugo), 16 de decembro de 2020.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou esta mañá a súa total colaboración para poder aprobar no vindeiro mes de xaneiro o Plan de dinamización da Área Rexurbe de Mondoñedo. Así o avanzou no transcurso da visita á Area Rexurbe do Concello, a primeira que se declarou en Galicia ao abeiro da Lei de rehabilitación, polo que a aprobación deste plan de dinamización tamén se converterá no primeiro que se aprobe.

A conselleira de Medio Ambiente indicou que na actualidade xa se teñen solicitado a todas as consellerías o informe no que deben pronunciarse sobre os programas e actuacións da súa competencia que poden aplicarse, así como valorar a viabilidade técnica das propostas recollidas no Plan de dinamización de Mondoñedo.

Unha vez que o Consello da Xunta dea o visto e prace poderán iniciarse as actuacións que revitalizarán este ámbito de case 4,5 Km2 -que abrangue o conxunto histórico e a zona dos Remedios e da rúa Álvaro Cunqueiro- dende un punto de vista non só arquitectónico, senón tamén desde a perspectiva ambiental, económica, social e cultural.

Recordou que Mondoñedo é un exemplo de concello comprometido coa recuperación e a conservación do patrimonio construído, tal e como se pon de manifesto coa recuperación dos inmobles na rúa Muíños (nos números 26 e 28) e que continuará coa rehabilitación do número 24 desta mesma rúa; ou ao abeiro do Programa Rexurbe, a través do cal se fixo unha oferta pública en 2020 para a adquisición de inmobles, resultando 13 ofertas, e sobre os que hai un acordo pechado entre o IGVS e os propietarios.

Segundo explicou Ángeles Vázquez, tanto a Área Rexurbe como o Programa Rexurbe, complementarán o traballo que se vén realizando a través da ARI dos Camiños, na que está integrada Mondoñedo, ou da Área de Rehabilitación Integral declarada no Concello, á que ao longo destes anos se destinou un orzamento que ascende a 2,8 millóns de euros.

Nese sentido, invitou aos veciños de Mondoñedo a beneficiarse do orzamento dispoñible para executar actuacións de rehabilitación nesta ARI e que se eleva a máis de 820.000 euros, tendo en conta os importes pendentes de consignar de convocatorias anteriores, máis o importe concedido ao abeiro da convocatoria do ano 2020.

A conselleira indicou que a Xunta sempre estará ao lado dos concellos e dos cidadáns que se sumen ao fomento da cultura da rehabilitación e de loita contra o abandono edificatorio, xa que é unha ferramenta para revitalizar as vilas e cidades galegas.
 

Imaxes relacionadas