Galicia ve escasos os avances na negociación das cotas de pesca do ano que vén e traballa con intensidade na defensa dos intereses da súa frota

A comunidade galega considera insuficiente a primeira proposta da Presidencia da Unión Europea pois só suaviza os recortes en catro das catorce especies de interese que partían con cotas á baixa

A conselleira do Mar defende que se pode avanzar tanto nas posibilidades de captura da pescada como do linguado ou do peixe sapo en augas do Cantábrico-Noroeste e manterá contactos co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para trasladar as súas demandas

O Executivo galego tamén solicita o establecemento dun total admisible de capturas para a cigala no Cantábrico-Noroeste que permita a apertura da pesqueira en condicións sostibles
 

Bruxelas, 16 de decembro de 2019

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, lamentou hoxe que a primeira proposta de acordo presentada pola Presidencia da Unión Europea sobre os Totais Admisibles de Capturas (TAC) e cotas para 2021 en augas comunitarias é moi negativa e escasa pois inclúe avances mínimos en relación coa proposta inicial. Neste sentido, indicou que as negociacións mantidas durante a xornada de onte apenas deron froitos e subliñou que Galicia seguirá traballando con intensidade para achegar argumentos e demandas ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para a súa defensa nas negociacións e protexer así os intereses da frota galega.

Galicia participa no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea en representación das comunidades autónomas de España e, aínda que non pode estar presente directamente nas negociacións polas restricións de aforo polo coronavirus, mantén un contacto permanente coa delegación española para defender os argumentos da comunidade. Nesta liña, a titular de Mar considerou insuficiente a oferta da UE de suavizar minimamente os recortes das posibilidades de pesca en catro das 14 especies de interese para a frota galega que partían con propostas á baixa, como son a pescada sur, o linguado tanto en Francia como no Cantábrico e o abadexo de Francia.

A titular de Mar defendeu que se pode mellorar a proposta da cota de pescada no Cantábrico-Noroeste ata acadar a estabilidade en relación con 2020 tendo en conta que a proxección do Consello Internacional para a Exploración do Mar (CIEM) para o TAC acordado para este ano apuntaba a unha recuperación da biomasa do 50%, polo que se trata dun recurso en bo estado biolóxico.

Galicia tamén lembra a importancia doutras especies como o linguado ou o peixe sapo, con propostas de rebaixa das posibilidades de pesca que teñen un impacto económico potencial directo -en primeira venda- para España maior que o da pescada. No caso do linguado chegaría aos dous millóns de euros e no do peixe sapo aos tres, fronte aos 1,9 millóns da pescada, de acordo co informe socioeconómico elaborado pola Xunta sobre a proposta de cotas e entregado ao Goberno central para a defensa dos intereses da frota nesta negociación.

A conselleira do Mar explicou tamén que a delegación galega ten outras demandas como o establecemento dun TAC anual para a cigala no Cantábrico-Noroeste que permita a apertura da pesqueira en condicións sostibles e acordes cunha análise rigorosa do estado do recurso como se fixo nos últimos anos para coñecer a súa evolución.

Outra das peticións de Galicia refírese á raia, sobre a que defende que os TAC sigan estables pois é un complemento fundamental para os ingresos da frota de artes menores. Neste sentido, propón un incremento das posibilidades de captura naquelas especies que mostren unha tendencia positiva e a aplicación de medidas especiais para aquelas variedades que se atopen en peor estado.

En canto ás cotas de especies de augas profundas, a Xunta pide que se deixen sen efecto os TAC do ollomol e do sabre negro, ao igual que se fixo anteriormente con outras especies como a bertorella ou o granadeiro, pois son poboacións de peixes sen actividade dirixida, é dicir, adoitan ser accesorias da actividade pesqueira, polo que son de escasa relevancia de captura e sen riscos relativos á súa conservación.

Augas de Gran Sol

A representante do Executivo galego tamén lamentou que se avanza moi pouco nunha fórmula que permita faenar á frota en augas do Gran Sol e Francia e sinalou que en caso de haber axustes de cotas deberían facerse durante nove meses e non no ano completo. Por iso, pediu unha fórmula para traballar durante os tres primeiros meses do ano á espera dun acordo sobre o brexit e expuxo a necesidade de flexibilizar as medidas para o resto do ano tendo en conta a situación de pandemia e a menor capacidade de aproveitamento das cotas que houbo este ano por ese mesmo motivo.

Rosa Quintana tamén se referiu ás especies reguladas pola Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (Iccat) e subliñou que tanto a imposibilidade de facer reunións presenciais como a lentitude das negociacións non deben ir en contra dos pescadores. Neste sentido, apuntou a necesidade de facer constar no Iccat o bo estado do bonito do norte para solicitar un incremento da cota de pesca en 2021 superior ao 12% inicialmente proposto.
 

Imaxes relacionadas