A Xunta e o Parlamento de Galicia colaboran para facilitar menús solidarios de Nadal a persoas vulnerables ao abeiro da canle Mercaproximidade

O vicepresidente primeiro da Xunta, o conselleiro do Medio Rural e o presidente da Cámara galega, asinaron hoxe o correspondente convenio para formalizar esta iniciativa

Cociñeiros galegos de prestixio elaborarán, nas instalacións do Centro Superior de Hostalería de Galicia, diferentes menús con produtos agroalimentarios de Mercaproximidade que se servirán o día de Noiteboa en comedores sociais
 

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2020

A Xunta e o Parlamento de Galicia colaborarán para facilitar menús solidarios de Nadal a persoas vulnerables ao abeiro da canle Mercaproximidade. O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, o conselleiro do Medio Rural, José González e o presidente da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices, asinaron hoxe o correspondente convenio no que se plasma esta cooperación institucional.

Segundo o acordado, cociñeiras e cociñeiros galegos de prestixio elaborarán, nas instalacións do Centro Superior de Hostalería de Galicia, unha serie de menús de Nadal a base de produtos agroalimentarios procedentes da canle Mercaproximidade. Estes menús, fornecidos con eses produtos de proximidade, adquiridos directamente a agricultores, gandeiros ou industrias de transformación de Galicia, distribuiranse despois mediante diferentes entidades solidarias das catro provincias en comedores sociais ou cociñas económicas. Serviranse o día de Noiteboa. A coordinación da intendencia necesaria correrá a cargo da ONG World Central Kitchen, en colaboración co persoal do Centro Superior de Hostalería de Galicia.

Esta iniciativa solidaria conta cun orzamento total de 65.000 euros, que serán financiados pola Vicepresidencia primeira, a Consellería do Medio Rural e o Parlamento de Galicia. O acordo súmase á colaboración asinada o pasado día 27 de novembro entre o Goberno galego -na persoa do conselleiro do Medio Rural- e a Cámara autonómica -representada polo seu presidente- para reforzar a actividade solidaria da canle Mercaproximidade na provisión de alimentos aos colectivos máis necesitados a raíz da covid-19.

As entidades sociais que traballan con persoas en situación de vulnerabilidade poñen agora o acento na celebración do Nadal, e na necesidade de realizar actuacións concretas que permitan que as familias e as persoas en situación de vulnerabilidade poidan tamén celebrar estas festas. Atendendo a esta liña de traballo, asínase agora este novo convenio.

Neste acto, o vicepresidente primeiro destacou que a gastronomía é un dos produtos que diferencian á nosa comunidade. Ademais, sinalou a importancia da profesionalización do sector turístico no Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) no que a próxima semana case un cento de persoas, entre cociñeiros coñecidos e algúns con Estrela Michelin e alumnos e profesorado do centro, prepararán 7.500 menús para persoas e familias vulnerables. Nesta liña, incidiu en que o CSHG conta cunhas instalacións adecuadas e seguras para facer fronte a este proxecto que combina gastronomía e solidariedade.

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural deu as grazas tanto ao Parlamento como á Vicepresidencia primeira pola súa sensibilidade á hora de impulsar esta iniciativa solidaria. Neste contexto, José González lembrou que a canle Mercaproximidade foi creada pola Xunta durante o estado de alarma para dar saída aos produtos agroalimentarios galegos que viron reducidas as súas vendas debido á covid-19. Salientou ademais que, dende a súa creación, adheríronse a ela máis de 450 industrias transformadoras e produtores, en calidade de provedores.

Así mesmo, o conselleiro recordou que a Xunta tamén doou diversos produtos agroalimentarios -como queixos, mel, carne de Ternera Gallega, de porco celta ou de cordeiro e patacas- a diversas entidades sociais, para atender os colectivos máis desfavorecidos durante a emerxencia sanitaria. Tamén entregou alimentos aos hospitais galegos, para que puidesen confeccionar os seus menús con producións de proximidade e de calidade diferenciada.

Por último, González destacou tamén que esta medida, ademais da súa vertente solidaria, enmárcase no Plan de reactivación e dinamización impulsado por Medio Rural para facer fronte á crise provocada pola covid-19 no agro galego e que, en conxunto, prevé un investimento total de 165 millóns de euros. Entre os eixos deste plan salienta precisamente un dirixido de xeito monográfico á promoción, comercialización e internacionalización dos produtos agroalimentarios galegos, todo isto cunha estratexia de diferenciación baseada na calidade e na diversidade das producións, con especial referencia ao impulso da canle Mercaproximidade.

Imaxes relacionadas