As directrices da Paisaxe de Galicia superan o último trámite antes da súa aprobación definitiva

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presidiu esta mañá a reunión do Consello Asesor da Paisaxe, que deu o visto e prace a este documento que agora se elevará ao Consello da Xunta para aprobación por parte do Goberno galego

A Comunidade galega avanza un paso máis ao dispor das primeiras directrices, que deberán estar integradas na totalidade de iniciativas que se promovan no territorio para protexer os valores paisaxísticos

Ángeles Vázquez recorda que se trata dun documento que recolle normas e recomendacións que se terán en conta á hora de poñer en marcha calquera iniciativa, pública ou privada, e que será un fío condutor en todas as súas fases

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou hoxe que as Directrices da Paisaxe superaron o último trámite necesario, antes da súa aprobación definitiva; grazas ao visto e prace do Consello Asesor da Paisaxe, que -reunido esta mañá- aprobou o texto que agora pode ser elevado ao Consello da Xunta para a súa aprobación por parte do Goberno galego.

A conselleira de Medio Ambiente salientou a importancia de sacar adiante este instrumento de protección da paisaxe por dúas razóns: fíxose no marco dun consenso amplo, grazas a un proceso no que participou a sociedade e os axentes implicados, un feito que pon de manifesto que as paisaxes forman parte do que somos como sociedade, do presente e tamén do futuro; porque a calidade da paisaxe é un perfecto indicador do grao de desenvolvemento social; polo que a boa xestión e ordenación son factores a ter en conta para mellorar a competitividade dun territorio.

A segunda das razóns é porque se dota á Comunidade galega das primeiras Directrices da Paisaxe, un documento no que se recollen normas e directrices que deberán integrarse na totalidade de iniciativas que se promovan no territorio galego, coa finalidade de preserva e coidar os valores paisaxísticos.

Explicou que non se debe entender como un documento de prohibicións, senón que se fixan contidos que pretenden compatibilizar a protección e mellora da paisaxe co desenvolvemento económico de Galicia; polo que se establecen normas, que serán obrigatorias para os instrumentos de planificación sectorial e urbanística, así como para as estratexias rexionais e locai, e recomendacións, que son orientativas e suxiren limitacións ou condicións de carácter xenérico.

Reiterou que a paisaxe é unha cuestión que identifica e define a unha sociedade, de aí que as directrices -que entrarán en vigor o vindeiro ano- deberán integrarse en calquera plan, programa ou proxecto que se leve a cabo en Galicia e teranse en conta os valores paisaxísticos en todas as súas fases, é dicir, deberá respectar o carácter diferenciado das grandes áreas paisaxísticas e dos diferentes tipos de paisaxes.

Por último, salientou que grazas a estas primeiras Directrices da Paisaxe, Galicia avanza un chanzo máis no camiño iniciado polo actual Goberno hai máis dunha década para protexer a paisaxe, dez anos nos que se aprobou o Catálogo das Paisaxes, o deseño das Guías da Paisaxe galega e a aprobación do regulamento da Lei da paisaxe, así como a posta en marcha dos primeiros Pactos pola paisaxe.

Imaxes relacionadas