Inaugurado o II Congreso Ibérico de Turismo Deportivo coa vista posta no ano 2022 no que se prevé celebrar o primeiro congreso internacional

A asistencia, física ou en liña, é de carácter gratuíto e xa se superan os 400 inscritos

Lete Lasa anuncia a creación dun Cluster do Deporte Galego e na vontade de maior investimento na investigación, desenvolvemento e innovación no deporte

Nava Castro destaca a forte e constante do Goberno galego polo turismo activo desde hai tempo, “traballando coordinadamente co sector na creación de novos produtos turísticos asociados, que permitan xerar valor engadido á experiencia turística do viaxeiro”
 

Ourense, 16 de decembro de 2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron na mañá de hoxe no recinto feiral de Expourense na inauguración do II Congreso Ibérico de Turismo Deportivo que terá lugar entre hoxe e mañá en formato híbrido podendo seguirse presencialmente ou de forma virtual.

Na súa intervención, o secretario xeral para o Deporte, salientou que este II Congreso Ibérico de Turismo Deportivo debe ser entendido como “un mérito dobre, pola súa propia realización e por facelo nestas circunstancias onde cobra máis relevancia”. Ademais, recordou que o obxectivo desta viaxe comezada en 2019 é chegar ao Congreso Internacional de Turismo Deportivo que se ten previsto realizar no ano 2022. Do mesmo xeito falou da necesidade da creación dun Cluster do Deporte Galego no que xa se está a traballar e na vontade de maior investimento na investigación, desenvolvemento e innovación no deporte guiada por unhas contas satélites para coñecer especificamente a situación do deporte en Galicia.

Lete Lasa enumerou ademais algunhas das grandes infraestruturas deportivas da provincia como o Centro de Adestramento de remo de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño, que será reformado este ano para acoller a Coupe de la Jeunesse no ano 2022 ou a mellor pista cuberta de España, sita en Expourense. Do mesmo xeito tamén fitou cara as ondadas do Barómetro da Imaxe de España realizadas polo Real Instituto Elcano, cunhas cifras moi representativas para o turismo deportivo, e os estudios realizados sobre a presenza de España nos medios impresos internacionais cunha porcentaxe moi elevada de mencións acerca do deporte. Neste sentido referiuse aos datos galegos compilados polo profesor Patricio Sánchez, coordinador do Máster Universitario en Xestión Empresarial do Deporte, que reflicten que o turismo deportivo en Galicia ten un peso do 2,63% sobre o noso PIB.

Na súa intervención a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a forte e constante aposta que o Goberno galego leva facendo polo turismo activo desde hai tempo, “traballando coordinadamente co sector na creación de novos produtos turísticos asociados, que permitan xerar valor engadido á experiencia turística do viaxeiro que elixe o noso destino”. Neste sentido, Castro destacou que “este turismo nos permite construír unha oferta máis especializada e tamén máis desestacionalizadora, grazas aos moitos recursos turísticos que posúe Galicia e que nos converten nun destino privilexiado para o desenvolvemento desta tipoloxía de turismo”.

II Congreso

O II Congreso Ibérico de Turismo Deportivo está organizado pola Secretaría Xeral para o Deporte, a Axencia Galega de Turismo, a Deputación Provincial de Ourense e Expourense. Trátase dun evento dirixido aos profesionais do sector como poden ser as Administracións públicas con competencia en deporte ou en turismo; federacións deportivas; pemes e autónomos do sector do deporte e o turismo; axencias de viaxes; clubs e empresas do deporte e ao alumnado e profesorado de ensinos deportivos ou turísticos. A asistencia, física ou en liña, é de carácter gratuíto e necesita de inscrición previa a través da web http://congresoturismodeportivo.com/. Os rexistrados xa superan a cifra dos 400.

Analizar as claves para a reactivación do turismo activo e deportivo e aproveitar as oportunidades xurdidas dos cambios nos intereses e necesidades do viaxeiro que provocou a pandemia serán os obxectivos do II Congreso Ibérico de Turismo Deportivo. Este evento contará coa participación de 25 expertos de España e Portugal que tamén presentarán os distintos protocolos e recomendacións para celebrar eventos e competicións deportivas que integren todas as medidas preventivas para garantir a seguridade.
 

Imaxes relacionadas