A Xunta destaca que o Programa Oportunius xera novas oportunidades en Galicia a través da captación e retención de talento científico de primeiro nivel

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta mañá en Santiago ao I Encontro Oportunius

Desde a posta en marcha desta iniciativa, participaron 24 investigadores e investigadoras con axudas ERC para impulsar 30 proxectos

O Goberno galego destina 24M€ o próximo ano a programas de talento, transferencia e emprendemento innovador para que a economía galega creza sobre a base do coñecemento

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta mañá en Santiago de Compostela ao I Encontro Oportunius, no que destacou que este programa está xerando novas oportunidades a través da captación e retención de talento científico de primeiro nivel no ecosistema galego de I+D+i.

Na súa intervención destacou a traxectoria desta iniciativa, sete anos marcados pola colaboración entre a Xunta e o Sistema Universitario de Galicia coa participación dos principais organismos de investigación das universidades, fundacións e institutos sanitarios e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), co obxectivo de axudar ao persoal investigador a desenvolver unha carreira de éxito en Galicia.

Desde a súa posta en marcha, participaron 24 investigadores e investigadoras con axudas ERC para impulsar 30 proxectos de alto impacto que se están a desenvolver na Comunidade. Deles, dous proceden de fóra e traen a Galicia os seus proxectos de ERC
-Ashwin Woodhoo e Jacob Copeman que se suman a Rubén Nogueiras, Diego Martínez e Elena Ojea- o que avala a capacidade do Oportunius para captar talento a nivel internacional.

Das universidades, a de Santiago é a que conta cun maior número de investigadores ERC (14) dos que a metade realizan o seu labor no Ciqus, situándose na sexta posición no ránking de universidades do sistema español. Por outra banda, 200 investigadores participan nas accións de formación e asesoramento. Conde explicou que está pendente de coñecerse o resultado da convocatoria de 2020.

O vicepresidente económico asegurou que segundo o CDTI, Galicia é a sexta Comunidade autónoma en retornos ERC-Horizon 2020, cando en 2019 ocupaba a novena posición e que o financiamento captado polos proxectos gañadores o ano pasado acadou os 31,2M€ e xerou preto de 100 empregos.

Conde apostou por seguir impulsando o talento e a innovación, polo que os orzamentos do ano 2021 reservarán 24M€ a programas de talento, transferencia e emprendemento innovador para que a economía galega creza sobre a base do coñecemento. Trátase de iniciativas como Principia, Talento Sénior, axudas pre e posdoutorais, Ignicia e Oportunius.

Imaxes relacionadas