A Xunta aposta pola colaboración público-privada para promover a recuperación e paliar o impacto económico da covid-19

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta tarde na clausura do foro de financiamento da III edición da aceleradora Ría de Pontevedra

Alfonso Rueda destacou a importancia da implicación da iniciativa privada no Plan de Reactivación económica da Xunta e na promoción dos proxectos cos que optar aos fondos europeos de recuperación Next Generation
 

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2020

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta tarde na clausura do foro de financiamento da III edición da aceleradora Ría de Pontevedra, no que os emprendedores participantes no programa da Asociación de Xóvenes Empresarios (AJE) e Ence deron a coñecer as súas ideas de negocio a diferentes entidades financeiras co obxectivo de poñer en marcha as súas propostas e xerar emprego na comarca de Pontevedra.

No acto, ao que tamén asistiu a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, Alfonso Rueda destacou a importancia de iniciativas elaboradas desde a cooperación entre as administracións e o tecido produtivo para loitar contra os efectos económicos da pandemia.

Nesta liña, destacou os plans da Xunta para apoiar aos sectores máis afectados como o plan de reactivación económica que prevé mobilizar 3.000 millóns de euros, entre fondos públicos e privados. Ademais, destacou a importancia da cooperación público-privada nas 108 iniciativas galegas que poderían mobilizar máis de 9.400 millóns de euros dos fondos europeos de recuperación Next Generation.

Alfonso Rueda resaltou tamén o compromiso do Goberno galego cos autónomos, microempresas e o sector da hostalería a través dun Plan de rescate, dotado con 84 millóns de euros. No caso dos establecementos hostaleiros pechados polas restricións sanitarias, incidiu en que a Xunta está a manter un diálogo constante e lembrou a necesidade da implicación de todas as administracións con medidas para axudar ao sector no ámbito das súas competencias.
 

Imaxes relacionadas