A Xunta xa ten aboado 7,4 millóns de euros de axudas a autónomos e hostaleiros

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantiveron hoxe unha nova reunión co sector da hostalería

As axudas da liña de microempresas e a específica destinada á hostalería comezarán a pagarse esta mesma semana

A Xunta reclamou de novo ao Goberno central que poña en marcha o Plan de choque comprometido
 

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2020

A Xunta xa ten aboado 7,4 millóns de euros da liña de axudas dirixida a autónomos con ou sen persoal a cargo, da que tamén poden beneficiarse os hostaleiros. Trátase da primeira das tres liñas do Plan de rescate da Xunta. As axudas das outras dúas liñas -microempresas e a específica destinada á hostalería-, que se convocaron despois, comezarán a pagarse esta mesma semana.

Ese foi un dos principais temas tratados hoxe nunha nova reunión semanal da Xunta con representantes do sector da hostalería, na que participaron o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.

Tal e como explicou o vicepresidente, durante a reunión chegouse tamén ao compromiso de “axilizar aínda máis” o pagamento destas axudas, para que “os cartos cheguen nestes momentos, cando máis se necesitan”.

Ademais da axilidade na xestión á hora de pagar as axudas, outro dos compromisos da Xunta foi que o proceso de solicitude fose sinxelo. Actualmente, xa se teñen rexistrado máis de 37.800 solicitudes en total para os tres programas, o que amosa o interese nestas liñas e a facilidade da súa tramitación.

Outro dos temas que se trataron na reunión foron os cribados na hostalería, que teñen como fin ofrecer a máxima seguridade a traballadores e clientes. Xa están comezando a realizarse en diversas áreas sanitarias, coa prioridade posta no persoal da hostalería dos establecementos abertos ao público. “Comezaron os cribados e aceleraranse nos próximos días”, precisou Rueda, que engadiu que se irán deseñando en función da información proporcionada polas asociacións de hostalería.

Cómpre recordar que a hostalería volveu abrir en Galicia, con distintas condicións en función da situación sanitaria da zona. Así,a hostalería pode abrir ata as 17,00 horas co 50% de aforo no exterior nas condicións máis restritivas, pero pode chegar ao 50% de aforo no interior e ao 75% no exterior no escenario menos restritivo actualmente vixente.

Liñas de axudas activas

A Xunta habilitou un Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas, microempresas e o sector hostalería. En concreto, estas liñas están dirixidas a autónomas e autónomos con e sen persoal a cargo, a microempresas e autónomos con persoal contratado e a establecementos hostaleiros pechados desde a implantación das medidas sanitarias do pasado mes de outubro. Todas as axudas son complementarias e acumulables entre si polo que, no caso dos autónomos con establecementos hostaleiros, as contías das axudas poderán chegar ata os 9.200 euros, cifras que sitúan a Galicia á cabeza das comunidades autónomas en canto aos apoios dispensados a este sector.

Cómpre ter en conta, ademais, que os establecementos hostaleiros ubicados nos concellos máis afectados co nivel máis alto de restrición -coa posibilidade de abrir soamente as terrazas ao 50% ata as 17,00 horas- poden seguir optando as axudas previstas nas tres liñas do Plan de rescate deseñado para apoiar a persoas autónomas, microempresas e, de xeito máis específico, ao sector hostaleiro. Neste último caso, a liña de axuda urxente aos establecementos pechados por normativa sanitaria adaptouse ás novas restricións e segue a contemplar como posibles beneficiarios aqueles empresarios hostaleiros a quen non se lle permita abrir o interior do local.

Ademais, o sector da hostalería tamén ten xa á súa disposición unha convocatoria de axudas para financiar a instalación de terrazas e a adquisición de material para a recollida de comida ou envío a domicilio, ademais dunha liña de créditos con xuros baixos destinada aos sectores especialmente afectados.

Chamamento á responsabilidade

Na reunión abordouse tamén á necesidade de seguir facendo un chamamento á responsabilidade de todos á hora de cumprir as normas sanitarias, “por suposto no ámbito privado, pero tamén nos locais que van abrindo”.

Ao respecto, o vicepresidente mostrou a súa confianza na responsabilidade dos hostaleiros, “que son os primeiros interesados”; dos clientes; e tamén das forzas e corpos de seguridade, a quen a Xunta xa pediu que faga fincapé na vixilancia dos contornos da hostalería.

Por último, Xunta e representantes da hostalería compartiron a “inquedanza” que está a provocar a tardanza do Goberno central á hora de poñer en marcha o “tantas veces comprometido” Plan de choque a nivel estatal para axudar á hostalería. O vicepresidente realizou, unha vez máis, un chamamento para que cheguen tamén estas axudas, que son “imprescindibles”.
 

Imaxes relacionadas