Medio Ambiente destaca o traballo do Plan de acción da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia a prol dos valores naturais que atesouran estes espazos

Ángeles Vázquez salienta que con este plan se adecuará e harmonizará toda a información relativa ás reservas da biosfera de Galicia e sobre todo aos requisitos que marca a Unesco para a conservación destes ámbitos

Agradece o apoio deste Comité á Candidatura da Ribeira Sacra, que está lista para ser remitida á Unesco e que no vindeiro ano decidirá se opta a converterse en reserva da biosfera
 

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destaca o traballo que se acomete ao abeiro do Plan de acción da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia a prol da conservación e mantemento dos valores naturais que atesouran estes espazos.

A conselleira de Medio Ambiente participou esta mañá na reunión do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, onde recordou que este plan ten dúas finalidades: ser un documento de compromiso entre os axentes implicados da rede galega e a folla de ruta que guia as actuacións ao longo dos vindeiros cinco anos.

Destacou que se trata do primeiro plan destas características co que se conta na Comunidade con tres obxectivos moi claros: contribuír e reforzar as canles de colaboración e comunicacións entre as distintas reservas da biosfera non só de Galicia, senón de España, para aproveitar as sinerxías; favorecer que se cumpran os compromisos derivados dos plans de acción aprobados en anos anteriores; e, por último, cumprir cos requisitos fixados na futura estratexia de fortalecemento do cumprimento do Programa Home e Biosfera (MaB) do Comité Español e a gobernanza da rede española.

A conselleira recordou que este plan tamén servirá para adecuar e harmonizar toda a información relativa ás reservas da biosfera de Galicia, sobre todo en relación con todos os requisitos que se fixan como obrigados por parte a Unesco e que son avaliados de xeito periódico.

Asemade, aproveitou este encontro para agradecer o traballo, e apoio, que sempre ofreceron á candidatura da Ribeira Sacra, un proxecto que está avanzado con moi bo tino e que no mes de novembro superou o último trámite para poder someterse en 2021 ao ditame definitivo da Unesco. Lembrou que o Comité Español do Programa Home e Biosfera deulle o visto bo por unanimidade; polo que a candidatura completou a tramitación en España e está lista para remitirse á Unesco, que deberá pronunciarse o vindeiro ano; converténdose no único espazo en todo o país que opte a converterse en reserva da biosfera no ano 2021.
 

Imaxes relacionadas