O conselleiro de Sanidade remarca a importancia da colaboración e da suma de esforzos entre institucións do eido da ciencia, da innovación e do coñecemento

No mesmo foro sobre Biomedicina, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, destacou que as universidades son o maior axente de investigación de Galicia, dado que enmarcan máis do 60% do persoal investigador da comunidade autónoma

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e o de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez González, participaron hoxe no I Foro de Debate: Modelo de Carreira Investigadora de Biomedicina en Galicia, que tivo lugar na sede da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), e na que tamén estivo presente, Ángel Carracedo, director da Fundación de Medicina Xenómica e coordinador do proxecto Modelo de Carreira Investigadora de Biomedicina en Galicia.

Na súa intervención, o conselleiro de Sanidade, incidiu na importancia da colaboración e da suma de esforzos entre institucións do eido da ciencia, da innovación e do coñecemento. Así, o Instituto Carlos III, a Axencia Galega de Innovación e a Axencia de Coñecemento en Saúde, son un exemplo de aposta conxunta e de financiamento de proxectos de investigación nos ámbitos da prevención e do tratamento da covid-19.

“Temos que consolidar, -remarcou o conselleiro de Sanidade-, un sistema para o futuro e asentar a actividade dos servizos públicos de saúde ao redor de tres elementos fundamentais; a investigación, a docencia e a asistencia. Un centro sanitario que forma aos seus profesionais é un centro sanitario que presta a mellora asistencia, e, de igual modo, un centro sanitario que investiga é un centro que prestará mellores servizos aos seus pacientes”, -subliñou García Comesaña-.

Destacou, así mesmo, o labor das unidades mixtas de investigación, levadas a cabo dende a Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e, no Sergas, subliñou o traballo dos investigadores dos institutos de investigación sanitaria da nosa comunidade.

“O camiño a seguir debe facilitar a carreira investigadora de acordo cos criterios da Estratexia de Recursos Humanos para investigadores da Unión Europea, co fin de acadar un mercado laboral atractivo para os investigadores”, -concluíu García Comesaña-.

Programa completo de formación

Pola súa banda, o conselleiro de Educación destacou que as universidades son o maior axente de investigación de Galicia, dado que enmarcan máis do 60% do persoal investigador da comunidade autónoma, máis de 3.000 persoas, e un investimento de arredor de 500 M€ desde o ano 2009. Así mesmo, salientou que a nosa é a única comunidade autónoma cun programa completo de formación investigadora, isto é, con convocatorias para as etapas predoutoral e posdoutoral, así como un programa de retención do talento. “Isto supón –dixo– un importante feito diferencial, que sitúa aos investigadores galegos nunha situación máis favorable respecto dos seus colegas do resto de España, dado que gozan do dobre de oportunidades”, a da bolsa estatal e a autonómica.

Así mesmo, Román Rodríguez asegurou que se seguen a dar pasos para mellorar o modelo, como o lanzamento este ano dun Programa de Atracción e Retención do Talento Científico, dotado con 5M€, ao abeiro do que se van incorporar ás nosas universidades 15 científicos de prestixio. Ademais, “acabamos de incrementar o noso financiamento aos oito centros de investigación do Sistema Universitario Galego (SUG) ata os 18 M€, o que supón que terán garantido financiamento para un período de tres anos”, incidiu.

No acto tamén participaron Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación; Antonio Fernández-Campa, xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde; e Rocío Mosquera, xerente de Galaria.

Imaxes relacionadas