Galicia beneficiarase do reparto de fondos estatais para desenvolver un plan de bioseguridade centrado na sanidade animal e vexetal

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias reuniuse con responsables do Ministerio de Agricultura e doutras comunidades autónomas para abordar este futuro plan, dotado con 38 millóns de euros

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2020

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia co director xeral de Sanidade da Produción Agraria do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa), Valentín Almansa.

No encontro, no que tamén participaron os subdirectores de Gandaría e de Explotacións Agrarias da Consellería, tratouse do futuro reparto entre as diferentes comunidades autónomas dos fondos habilitados polo Goberno de España, dentro do Plan de recuperación, para desenvolver un plan de bioseguridade, que suporán un montante total de 38 millóns de euros. Esta planificación centrarase en dúas liñas de traballo, a sanidade animal e a sanidade vexetal.

Con respecto ao primeiro deses eixos, barállase a posibilidade de habilitar unha liña de axudas para mellorar os centros de limpeza e desinfección de transporte de gando. Estas achegas estarían destinadas, en principio, ás pemes que xestionan este tipo de servizos, estando tamén aberta a opción de financiar as entidades locais que os prestan. En relación coa sanidade vexetal, o traballo oriéntase cara a creación ou mellora de infraestruturas e invernadoiros seguros para producir material de base e reprodución, co fin de protexer da entrada de doenzas que afectan a estes materiais vexetais.

En todo caso, os responsables do Mapa remitirán nos próximos días unha proposta máis detallada sobre todas estas cuestións ás diferentes comunidades autónomas, para que estas poidan facer as suxestións e alegacións que consideren oportunas, co fin de optimizar o reparto destes recursos.

Imaxes relacionadas