A Xunta concede 176.000€ en axudas ao CCU zona monumental e a 24 establecementos comerciais de Pontevedra e ofrece un cribado voluntario de detección da covid-19 aos socios da entidade

Luisa Piñeiro mantén un encontro cos representantes do Centro Comercial Urbano do casco histórico na xornada de arranque da súa campaña de Nadal para trasladarlles o apoio do Goberno galego e informarlles da proposta de control sanitario para favorecer a seguridade e dar confianza á clientela

O colectivo recibe unha achega de 33.000€ á que se engaden 143.000€ para accións de innovación, dixitalización e comercialización de 24 tendas da cidade
 

Pontevedra, 15 de decembro de 2020

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, vén de conceder 176.000€ en achegas ao Centro Comercial Urbano (CCU) Zona Monumental de Pontevedra e a 24 establecementos comerciais da cidade no marco de senllas liñas habilitadas para apoiar ao sector a través dos colectivos e da orde de impulso á innovación, a dixitalización e as novas formas de comercialización dos establecementos.

Ante a concesión destas achegas e con motivo do arranque da campaña de Nadal do CCU Zona Monumental, a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, desprazouse ata a súa sede na capital provincial para trasladarlles o apoio do Goberno galego nestes momentos complexos pola crise sanitaria do coronavirus e para anunciarlles unha proposta de realización dun cribado voluntario de detección da covid-19, a través de PCR, aos máis de cen asociados do colectivo.

“Creo que é unha boa medida dada a incidencia de Pontevedra e a necesidade de seguir axudando e apoiando, por todos os medios, ao comercio local da cidade, xa que esta proposta de control sanitario favorecerá a seguridade, outorgará tranquilidade e dará confianza á clientela”, aseverou a representante autonómica, que detallou que se trasladarán todas as cuestións nos vindeiros días ao CCU Zona Monumental para que informe aos seus membros e se concrete a participación.

Outro dos contidos da reunión foron as axudas aportadas polo executivo galego, que outorgou 33.000€ ao colectivo comercial para a realización dun investimento de case 45.000€ a desenvolver en accións de dinamización comercial na presente campaña de Nadal e o pasado Entroido, no cofinanciamento de prazas de aparcadoiro e plans de fidelización para clientes e gastos de funcionamento.

Paralelamente, tamén se outorgaron 143.226€ en axudas a 24 establecementos comerciais da cidade de Pontevedra para a execución de iniciativas de innovación, dixitalización e novas formas de comercialización que contribuirán á modernización dos seus negocios.

A representante autonómica departiu co presidente da entidade, Miguel Ángel Lago Rey, e con outros membros do seu equipo reitor e coñeceu o desenvolvemento dos proxectos subvencionados, así como a actual situación do sector, sen dúbida marcada polos efectos socioeconómicos da crise sanitaria da covid-19. “Creo que nestes momentos difíciles para o comercio é importante non só o traballo de apoio que estamos a facer dende a Xunta coa concesión de subvencións e outras medidas, senón tamén estar ao seu lado, escoitalos, coñecer de primeira man as súas necesidades e amosarlles todo o noso respaldo”, indicou Piñeiro, que engadiu que a principal preocupación do Goberno galego, tras o control da pandemia e a preservación da saúde, “pasa por axudar todo o posible aos sectores económicos e impulsar canto antes a reactivación”.

A delegada territorial, que valorou moi positivamente a longa traxectoria asociativa do comercio de Pontevedra dende hai máis de trinta anos e de case dúas décadas baixo o formato de CCU aprobado pola Xunta, explicou que a aposta do executivo autonómico polo sector da cidade “é forte e decidida, como demostran estas axudas que se outorgan de xeito continuado, tanto aos colectivos como aos particulares, xa que entendemos que é un ramo fundamental e especialmente nunha cidade na que ten tanta tradición como é Pontevedra”.

Finalmente, Luisa Piñeiro informoulles de que, ademais destas achegas ao impulso e á modernización do comercio ao abeiro das ordes de axudas, os socios do CCU Zona Monumental tamén poden solicitar as compensacións das tres liñas do Plan de Rescate de Autónomos da Xunta, que contan con ata 84 millóns de euros e que teñen aberto o prazo de solicitude ata os días 18 e 28 do presente mes, respectivamente.
 

Imaxes relacionadas