O Sergas presenta aos sindicatos o calendario de próximas convocatorias e exames OPE

Ademais, a Mesa sectorial de Sanidade aprobou por unanimidade, ampliar en máis do dobre, o número de prazas convocadas no concurso-oposición de acceso para o persoal médico especialista, acadando un total de 996 prazas

A realización dos exercicios está prevista para o segundo semestre de 2021

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2020

O Servizo Galego de Saúde presentou ás organizacións sindicais representadas en Mesa sectorial o calendario de próximas convocatorias e exames de oferta pública de emprego, no transcurso dunha xuntanza que tivo lugar onte. Así mesmo, a Mesa sectorial de Sanidade, acordou de forma unánime sumar ás 490 prazas de persoal licenciado sanitario convocadas en decembro de pasado ano, 506 novas prazas derivadas da oferta de emprego público do ano 2020, recentemente aprobada polo Consello da Xunta. Deste xeito acádanse un total de 996 prazas para licenciados.

Así mesmo, incrementarase a convocatoria de técnico en farmacia en 10 prazas máis, terapeuta ocupacional en 6 e a de pinche en 10 prazas máis.

Este aumento de prazas e a súa acumulación ao proceso selectivo xa convocado permitirá a incorporación dun maior número de profesionais fixos nun menor espazo de tempo. Isto redundará nunha maior estabilidade dos equipos de traballo ao tempo que fará a participación no proceso selectivo máis atractiva para os aspirantes, ao ver incrementado o número de prazas e por tanto as súas expectativas ademais de evitar a súa participación en dous procesos distintos nun espazo temporal moi próximo.

As bases, estrutura do proceso (concurso-oposición), temarios, exercicios, baremos, procedemento e prazos de acreditación de méritos serán os aprobados por Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 13 de decembro de 2019, de convocatoria do proceso, que non se verá modificada en ningún aspecto, agás no incremento do número de prazas convocadas.

Está previsto que a publicación desta ampliación no Diario Oficial de Galicia se efectúe de xeito inmediato. Logo de publicarse, reabrirase o prazo de inscrición para a presentación de solicitudes e o cambio de quenda de participación dos aspirantes inscritos, que así o desexen.

Cronograma de próximas convocatorias

Nesta mesma reunión informouse da publicación no mes de xaneiro próximo das convocatorias de concurso-oposición das categorías de telefonista así como de pinche e técnico de farmacia, estas últimas para o acceso a prazas reservadas a persoas que acrediten unha discapacidade intelectual.

Así mesmo, no primeiro trimestre do próximo ano procederase á convocatoria das probas selectivas para o acceso ás categorías de calefactor, condutor, costureiro, electricista, fontaneiro, lavandeiro, mecánico, pasador de ferro, persoal informático e traballador social.

Con relación aos procesos actualmente en tramitación, que suporán a incorporación dun total de 1.492 profesionais das categorías de médico de familia, odontólogo e pediatra de atención primaria, persoal especialista de enfermería, fisioterapeuta, técnico en coidados auxiliares de enfermería e persoal de servizos xerais, prevese a súa resolución definitiva no primeiro cuatrimestre do 2021.

Calendario de exames

No ano 2021 está prevista a realización dos exercicios da fase de oposición para cubrir un total de 1.320 prazas correspondentes a 49 categorías.

Así, está previsto que no primeiro trimestre se realicen os exercicios da fase de oposición para cubrir 9 prazas de persoal de servizos xerais, pola quenda de discapacidade intelectual.

No segundo semestre de 2021, despois do verán, realizaranse os exercicios para cubrir 996 prazas de 42 categorías de persoal licenciado sanitario, das cales 892 corresponden a 39 especialidades de facultativo de área, 89 a médico de urxencias hospitalarias, 10 a médico asistencial do 061 e 5 a médico de admisión e documentación clínica. Así mesmo, desenvolveranse os exercicios para cubrir 324 prazas de técnico sanitario das especialidades de farmacia, laboratorio de diagnóstico clínico, imaxe para o diagnóstico, hixiene bucodental, anatomía patolóxica e citoloxía e radioterapia.

Para a realización de tales probas nas máximas condicións de seguridade no actual contexto de crise sanitaria, estase a elaborar pola Dirección Xeral de Recursos Humanos un protocolo de actuación covid para os procesos selectivos do Servizo Galego de Saúde. Entre outras medidas contempla o acceso dos aspirantes ao lugar de realización das probas a través de código QR, a cumprimentación dos datos identificativos da folla de resposta por parte do propio aspirante ou a posta a disposición deste, a través de Fides/expedient-e do certificado de asistencia ás probas selectivas. Todas estas medidas contribuirán a unha maior axilidade no desenvolvemento dos exercicios e a unha redución dos contactos sociais.

Imaxes relacionadas