A Xunta pecha cos sindicatos a ampliación da oferta pública de emprego en 24 especialidades do corpo de profesores técnicos de FP

A Mesa Sectorial Docente non Universitaria, na súa reunión de hoxe, deu o visto e prace á nova oferta, que incrementa a 603 as prazas convocadas para este corpo

Román Rodríguez reuniuse cos directores dos Centros Integrados de FP para presentarlles esta nova medida, co obxecto de corrixir os efectos da Lei Celaá

As probas, ao igual que as da OPE de 2020, celebraranse o vindeiro ano

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2020

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reuniuse hoxe cos directores dos Centros Integrados de FP (CIFP) Ferrolterra, Enrique Pazo; Someso, Juan Carlos González Purriños; e Carlos Oroza, Manuel Hermo; para abordar a situación do corpo de profesores técnicos de FP como consecuencia da Lei Celaá, que prevé a extinción deste corpo, así como da nova medida da Consellería de Educación para corrixir os efectos desta nova normativa. Así, o conselleiro informoulles da ampliación da oferta pública de emprego do corpo de profesores técnicos de FP pechada entre Xunta e sindictos na Mesa Sectorial Docente non Universitaria reunida esta mañá.

Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou que a nova oferta incrementa a 603 as prazas convocadas para este corpo. Isto vai permitir ofrecer unha posibilidade de estabilidade laboral ás 452 persoas que neste momento son profesores técnicos de FP en situación de interinidade e que non contan cunha licenciatura. Tal e como está redactada agora a LOMLOE, estas persoas quedarían fóra do sistema.

Román Rodríguez explicou tamén que a intención é realizar as probas da nova OPE o vindeiro ano 2021, ao igual que as de 2020, sempre e cando as condicións sanitarias o permitan.

De feito, hoxe mesmo pechouse a ampliación da oferta entre os sindicatos e a Consellería, no transcurso da mesa sectorial do ensino non universitario presidida polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, e que tivo como punto único do día a nova OPE. As 24 especialidades nas que se convocarán prazas serán as mesmas xa contempladas para as oposicións de 2020, que incluíu 363 prazas neste corpo. A distribución das mesmas quedará como segue:

 

Código/especialidade
Prazas
201
Cociña e Pastelaría
8
202
Equipos Electrónicos
14
203
Estética
10
204

Fabricación e Instalación de Carpintaría e Moble

12
205

Instalacións e Mantemento de Equipos Térmicos e Fluídos

6
206
Instalacións Electrotécnicas
16
208
Laboratorio
4
209
Mantemento de Vehículos
30
210
Máquinas, Servizos e Produción
1
211
Mecanizado e Mantemento de Máquinas
10
214

Operacións e Equipamentos de Elaboración de Produtos Alimentarios

8
216
Operacións de Produción Agraria
8
217
Patronaxe e Confección
5
218
Peiteado
16
219

Procedementos de Diagnóstico Clínico e Ortoprotésico

8
220

Procedementos Sanitarios e Asistenciais

12
221
Procesos Comerciais
12
222
Procesos de Xestión Administrativa
20
223
Produción de Artes Gráficas
2
225
Servizos á Comunidade
7
226
Servizos de Restauración
7
227
Sistemas e Aplicacións Informáticas
17
228
Soldadura
4
229

Técnicas e Procedementos de Imaxe e Son

3
Total
240

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade aprobará esta oferta pública de emprego antes da entrada en vigor da LOMLOE, precisamente para evitar os efectos negativos desta lei sobre o corpo concreto de profesores técnicos de FP. Esta nova oferta afectará a todas as especialidades convocadas e implicará unha nova apertura do prazo de solicitudes para participar no procedemento selectivo, unicamente nas especialidades deste corpo de profesores técnicos de formación profesional.

O obxectivo é contribuír á estabilización do persoal interino que vén prestando servizos, ao tempo que a garantir profesorado suficiente na FP galega nos próximos cursos.
 

Imaxes relacionadas