Medio Ambiente concede un total de 125.000 euros a 15 entidades locais para atención e coidado de animais domésticos abandonados

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución coa relación de subvencións outorgadas ao abeiro da convocatoria desta liña de axudas para o ano 2020

Entre os beneficiarios das subvencións figuran 13 concellos, a Deputación Provincial de Ourense e a mancomunidade de municipios da Comarca de Ferrol
 

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concedeu un total de 15 subvencións por un importe de 125.000 euros para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia. Así consta na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia e na que se lle dá publicidade á relación de axudas concedidas ao abeiro da convocatoria feita pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para o ano 2020.

Esta liña de axudas, convocada a finais do ano pasado en réxime de concorrencia competitiva, ten por finalidade apoiar ás entidades locais na execución de actuacións encamiñadas á atención e ao coidado dos animais domésticos de compañía que estean en centros de recollida autorizados, e/ou formen parte das colonias felinas reguladas na Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia.

Concretamente, as subvencións concedidas permitirán aos beneficiarios cubrir os gastos derivados do acto clínico para a esterilización cirúrxica dos animais, coa dobre finalidade de evitar a súa reprodución incontrolada e a promoción da súa adopción, así como os custos da intervención necesaria para proceder á identificación do animal mediante a implantación do microchip, a correspondente inscrición no Regiac e a expedición do pasaporte sanitario.

Entre os beneficiarios destas subvencións, figuran 13 concellos, a Deputación Provincial de Ourense e a mancomunidade de municipios da Comarca de Ferrol, tendo en conta que é a Administración local a que ten a competencia sobre a recollida e tenza dos animais de compañía abandonados no ámbito territorial correspondente.

Cómpre lembrar que desde 2017 a Consellería de Medio Ambiente vén convocando con carácter anual unha orde de axudas destinada a subvencionar gastos de atención e coidado dos animais de compañía. No primeiro trimestre de 2021 volverá a convocala cun orzamento de 440.000 euros, un incremento que permitirá sufragar a través destas axudas novos gastos como a compra de penso ou de equipamentos para os centros de acollida.