A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou as actuacións de seguridade viaria que se están a acometer nesta estrada autonómica

A Xunta licita as obras da senda na estrada PO-551 entre Trasouto e o Alto da Portela, en Bueu, e avanza na eliminación do treito de concentración de accidentes cun investimento total de 1,8 M€

Vázquez Mourelle explica que a execución da senda, cun investimento de 643.000 euros, comezará en primavera e rematará no vindeiro ano ou a principios de 2022

Sinala que as empresas poden presentar as súas ofertas ata o 19 de xaneiro

Subliña que o bo ritmo na obra de eliminación do tramo de concentración de accidentes permitirá tela rematada no mes de abril, tras a achega de 1,1 M€

O proxecto inclúe a execución de dúas glorietas, en Lapamán e no acceso ás praias de Porto Maior e Agrelo, ambas iniciadas para pórse en servizo canto antes

Tamén se vai mellorar a seguridade viaria das paradas de bus e reforzar a sinalización de 4 pasos de peóns, incorporando sinalización luminosa específica

Bueu (Pontevedra), 15 de decembro de 2020

A Xunta licita as obras da senda na estrada PO-551, entre Trasouto e o Alto da Portela, no concello de Bueu, e avanza na eliminación do treito de concentración de accidentes, cun investimento total de 1,8 millóns de euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co alcalde, Félix Juncal, e a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, supervisou esta mañá as obras de seguridade viaria que se están a acometer nesta estrada autonómica.

Precisou que hoxe se licita o citado itinerario peonil, por importe de preto de 643.000 euros, coa fin de iniciar os traballos en primavera e rematalos no vindeiro ano ou a principios de 2022. As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 19 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

O novo itinerario enmárcase no Plan de Sendas da comarca do Morrazo, que prevé a execución de 8 itinerarios seguros, sostibles e integrados na paisaxe, cun investimento superior aos 4,5 millóns de euros.

A senda, de 1.800 metros, executarase pola marxe esquerda da estrada autonómica PO-551, conectando coas beirarrúas existentes e conformando un itinerario peonil seguro e funcional para os veciños. Ademais aproveitarase a intervención para actuar sobre a parada de bus e renovar a marquesiña.

Eliminación do punto negro

A responsable de Infraestruturas supervisou hoxe as obras de eliminación dun treito de concentración de accidentes que se están a executar nesta vía.

Sinalou que as intervencións avanzan a bo ritmo, polo que previsiblemente no vindeiro mes de abril estarán rematadas, tras o investimento de máis de 1,1 millóns de euros.

Concretou que xa están executados os traballos previos, agás os fresados e demolicións asociados aos pasos de peóns que se melloran, e avanzadas as obras de drenaxe e parte das reposicións de servizos, de abastecemento e saneamento, nas interseccións.

Executaranse dúas glorietas, unha na zona de Lapamán e outra no acceso ás praias de Porto Maior e Agrelo, ambas xa iniciadas co obxectivo de pórse en servizo canto antes.

Tamén comezou xa a mellora dunha intersección no termo municipal de Marín, atendendo á solicitude do Concello durante a participación pública. Disporanse cuñas de cambio de velocidade para reforzar a visibilidade e a seguridade viaria na zona.

A intervención inclúe, ademais, a execución dunha senda de aproximadamente 200 metros que dará continuidade á xa executada entre Vilaseca e Lapamán, no concello de Marín, no marco do Plan de Sendas da comarca do Morrazo.

Tamén se vai mellorar a seguridade viaria das paradas de bus existentes e reforzar a sinalización de 4 pasos de peóns, incorporando sinalización luminosa específica que se active ao paso das persoas.

Vázquez Mourelle subliñou que estes dous proxectos se veñen sumar á Autovía do Morrazo, unha infraestrutura estratéxica que mellorou a seguridade e a competitividade de toda a comarca.

Imaxes relacionadas