Un total de dezanove empresas presentan as súas ofertas para a execución do acceso á autovía autonómica AG-53 en sentido Ourense desde Dozón

Esta actuación foi licitada por máis de 1 millóns de euros e a obra conta cun prazo de execución de seis meses

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten previsto o levantamento de actas previas para o mes de xaneiro e executar as obras no 2021

A nova vía terá dobre sentido de circulación entre a estrada nacional e o camiño de servizo que discorre paralelo á autovía pola súa marxe dereita

O novo enlace evitará que os veciños de Dozón e da súa contorna deban desprazarse ata Piñor para acceder á autovía con sentido a Ourense

A Xunta segue avanzando, ademais, no proxecto que completará todos os movementos de entrada e saída desde Dozón á autovía, permitindo que os vehículos con orixe en Ourense poidan saír da AG-53 cara a Dozón

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2020

Un total de dezanove empresas veñen de presentar as súas ofertas para a execución das obras de construción do acceso á autovía autonómica AG-53 en sentido Ourense desde Dozón.

Este contrato foi licitado por un importe de 1.083.330 euros e as obras contan cun prazo de execución de seis meses.

Trátase de executar o ramal de conexión entre a autovía autonómica e a de titularidade estatal N-525, en Dozón, e permitir así o movemento de incorporación en sentido Ourense.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten previsto o levantamento de actas previas para o mes de xaneiro e executar as obras no ano 2021.

O enlace comeza na contorna do punto quilométrico 275 da estrada nacional, onde se proxecta unha ampliación do carril de vehículos lentos existente e cruza a AG-53, a través do paso inferior do punto quilométrico 59+410 da autovía, para continuar ao longo duns 400 metros ata entroncar coa autovía autonómica pola súa marxe dereita en sentido Ourense.

O proxecto de construción incorpora algunhas das achegas formuladas no período de exposición pública para facilitar a accesibilidade a unha granxa próxima.

Deste xeito, a nova vía entre a N-525 e a AG-53 terá dobre sentido de circulación entre a estrada nacional e o camiño de servizo que discorre paralelamente á autovía pola súa marxe dereita, manténdose a entrada na estrada nacional en dirección Ourense.

As obras incluirán, ademais, a habilitación dunha intersección para que os vehículos poidan transitar entre a nova vía e o camiño de servizo, manténdose o acceso directo e apto para vehículos pesados entre o camiño que dá acceso á granxa próxima e á estrada nacional.

A construción dun acceso á autovía é unha vella demanda deste municipio pontevedrés, que na actualidade só conta cun semienlace para acceder a esta vía de alta capacidade en dirección a Santiago.

O novo enlace evitará que os veciños de Dozón e da súa contorna deban desprazarse ata Piñor para acceder á autovía con sentido a Ourense.

O departamento de Infraestruturas da Xunta está a redactar o proxecto que completa todos os movementos de entrada e saída desde Dozón á autovía AG-53. O novo ramal, que se situaría no punto no que está o actual semienlace, permitirá que os vehículos con orixe Ourense poidan saír cara a Dozón.

Imaxes relacionadas