O vicepresidente económico compareceu hoxe, a petición propia, na Comisión de reactivación

Conde destaca que Galicia conta con recursos autóctonos e sectores estratéxicos capaces de liderar a transformación económica e social da man de proxectos que impliquen ás pemes

O conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, chama a realizar un esforzo colectivo para crear un entorno favorable que permita á economía galega saír fortalecida da crise xerada pola covid-19 a través dun ecosistema económico, social e administrativo que favoreza os investimentos

Detalla os principais proxectos da candidatura galega presentada ao Executivo coas primeiras 108 propostas presentadas aos fondos europeos e centradas na modernización do tecido produtivo, a mobilidade sustentable e a transición ecolóxica, a cohesión social e territorial e unha administración dinámica e dixital

Destaca o apoio a sectores estratéxicos como o da automoción a través do proxecto AutoAncora xunto co impulso de industrias emerxentes como a biotecnoloxía ou a aeroespacial; así como a aposta por unha mobilidade sustentable con máis de 10 proxectos que superan os 350M€, o reforzo da sanidade con oito proxectos que mobilizarán 1000M€ ou a posta en valor do Camiño de Santiago

Propón aos grupos parlamentarios facer unha fronte común para demandar ao Goberno de España cogobernanza e transparencia na asignación e xestión dos fondos europeos

Solicita igualdade de oportunidades e criterios obxectivos para que as axudas non se distribúan á carta

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, compareceu esta mañá a petición propia no Parlamento galego na Comisión non permanente especial de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da covid-19, onde destacou que a Comunidade conta con recursos autóctonos e sectores estratéxicos coa capacidade para liderar a súa transformación económica e social. Para conseguilo, asegurou, hai que deseñar proxectos tractores que opten aos fondos europeos Next Generation, que incorporen á pequena e mediana empresa e que teñan un alto impacto sobre a produtividade, o emprego e o territorio.

Na súa intervención, o vicepresidente económico apelou a realización dun esforzo colectivo para, entre todos, crear un entorno favorable que permita á economía galega saír fortalecida da crise xerada pola covid-19, impulsando un ecosistema económico, social e administrativo que favoreza que os investidores e empresarios sigan apostando por Galicia para desenvolver os seus novos proxectos. Neste sentido, lembrou a Lei de reactivación económica, coa que se pretende instaurar unha nova cultura administrativa dirixida a simplificar os procedementos administrativos, garantindo a seguridade xurídica e axilizando os trámites administrativos.

Conde incidiu na oportunidade que supoñen os fondos europeos, que naceron para acelerar a resposta ás reformas que pide Europa, e lembrou que Galicia conta cunha estratexia baseada na preparación –a rigorosidade na xestión das contas públicas nos últimos 11 anos permitiron poñer en marcha o Plan de Reactivación e deseñar os maiores orzamentos da historia de cara a 2021–; a anticipación –o Goberno galego identificou un primeiro paquete de 108 proxectos que optan aos fondos europeos para mobilizar 9.400M€ grazas ao traballo conxunto cos diferentes axentes, co Comité de Expertos Económicos e coa Mesa do Diálogo Social–; e a acción –a proposta galega xa foi presentada en diferentes foros sectoriais e en reunións co Goberno e tamén con representantes da Unión Europea–.

O vicepresidente económico enumerou os proxectos máis destacados que forman parte da candidatura inicial galega e que se agrupan en catro eixes. Dentro do primeiro, a modernización do tecido produtivo, inclúense 32 proxectos para impulsar o crecemento e a competitividade empresarial a través da dixitalización. Xunto coa aposta por sectores estratéxicos como o da automoción (na que destaca o proxecto AutoAncora con sete proxectos que prevén a mobilización de 1300M€ e a creación de 900 empregos), impúlsanse sectores emerxentes como o Polo Aeroespacial de Galicia (630M€ para apuntalar a súa internacionalización) ou a biotecnoloxía (con seis propostas centradas no descubrimento e produción de fármacos como o proxecto integral de Zendal ou InnoPharma en colaboración coa Fundación Kaertor); así como o apoio á Cidade das TIC, á creación dun Centro de supercomputación cuántica ou seis proxectos para poñer en valor o Camiño de Santiago.

No eido da mobilidade sustentable e a transición ecolóxica (33 proxectos), referiuse ao programa de transición ecolóxica, no que se enmarcan un centro de xeración de biogás e unha planta de fertilizantes; as plantas de fibras téxtiles e hidróxeno verde ou a instalación de 1000MW de enerxía eólica e solar fotovoltaica; o proxecto Techmadeira incidirá no impulso á dixitalización pero tamén ao ecodeseño, economía circular e ecoinnovación a través da industria forestal. Por outra banda, presentáronse máis de 10 proxectos que superan os 350M€ para impulsar unha mobilidade sustentable a través da modernización, dixitalización e redución do consumo enerxético; mentres que se poderían mobilizar 255M€ en iniciativas de sustentabilidade ambiental (optimización da xestión do ciclo da auga, por exemplo) e 135M€ na conservación da natureza a través do Plan galego de restauración, recuperación, mellora e valorización de ecosistemas.

Dentro do eixe de cohesión social e territorial, con 27 proxectos, incidiu no paquete de sanidade de oito proxectos cunha mobilización de 1000M€ para modernizar a atención primaria e reforzar o sistema galego de investigación biomédica; referiuse aos proxectos centrados no medio rural como as Aldeas Modelo, ecosociais e intelixentes, ou o programa Rural Dixital; e destacou iniciativas no eido da educación, o emprego e a cultura como o Plan de transformación dixital integral de centros e servizos de educación e formación; o Plan de impulso de políticas de emprego resilientes, inclusivas e igualitarias ou a Estratexia de dixitalización de contidos e produtos culturais galegos.

Finalmente, inclúense 16 proxectos para conseguir unha administración dinámica e dixital, entre os que destacan tres iniciativas que suman 106,3M€ para contar cunha administración intelixente como o Plan de Goberno e Administración intelixente, a modernización da xustiza ou a creación do posto dixital avanzado do empregado público. Tamén se propón avanzar no eido da ciberseguridade e cunha estratexia cloud.

Cogobernanza e transparencia

Conde reivindicou o dereito das comunidades autónomas a participar no deseño e implementación dos fondos europeos e propuxo aos grupos parlamentarios a creación dunha fronte común para demandar ao Goberno español cogobernanza e transparencia na asignación e xestión dos fondos europeos.

Así, lembrou a postura da Xunta, que di si á igualdade de oportunidades, á transparencia e a criterios obxectivos na asignación das axudas e di non a que se distribúan á carta na Comisión integrada. En definitiva, volveu pedir máis claridade e concreción.

Imaxes relacionadas