A Xunta reclama ao Ministerio que recapacite para que a nova biblioteca pública cubra as necesidades de Vigo e a súa área

O Goberno central corrixe á baixa e reduce á metade o proxecto remitido pola Consellería de Cultura “para que Vigo teña a biblioteca que merece”

A petición do Estado suporía un “agravio comparativo” con outras grandes cidades e impediría atender a actividade crecente da cidadanía ou de almacenaxe

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, a delegada da Xunta, Marta Fernández-Tapias, informaron en rolda de prensa sobre a situación do proxecto

Vigo, 15 de decembro de 2020

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informaron hoxe en rolda de prensa sobre a futura biblioteca pública do Estado en Vigo logo de que o Ministerio de Cultura y Deportes veña de solicitar ao Goberno autonómico que corrixa á baixa o ambicioso e necesario proxecto realizado para esta nova infraestrutura.

Como recordaron, o pasado verán o Ministerio de Cultura y Deportes solicitou á Xunta a elaboración do programa de necesidades para a futura biblioteca do Estado en Vigo, que recollese as necesidades para esta dotación. “Entregamos un documento completo para que Vigo teña a biblioteca que merece”, explicou Anxo M. Lorenzo. En concreto, trátase dunha proposta axustada á realidade da demanda actual de servizos bibliotecarios, para o que se estima un espazo superior aos 8.000 m².

En resposta a dito programa, o Ministerio pide agora un axuste desta proposta rebaixando o espazo á metade, algo que desde a Xunta se considera insuficiente. “Pensamos que é absolutamente necesario realizar unha reflexión sobre o resultado que tería para Vigo a creación dunha biblioteca que, entendemos, estaría por debaixo das necesidades e demandas da cidade e da súa área metropolitana”, sinalou.

Pola súa banda, Fernández-Tapias lamentou non só que nos Orzamentos do Estado para o 2021 figure unicamente unha partida mínima de 100.000 euros, senón que todo pareza indicar que “o Goberno central quere reducir á mínima expresión a Biblioteca Pública que Vigo leva anos demandando”. “Non podemos permitirnos un proxecto que non estea a la altura do resto das grandes cidades”, insistiu.

Postos de lectura ou depósitos

O representante autonómico recordou que a actual biblioteca Juan Compañel está instalada nun edificio de 3.000 metros cadrados. A pesar destas dimensións recibe ao redor de 300.000 visitas anuais, alberga unha colección de 165.000 documentos e realiza máis de 200.000 préstamos anuais. “Pero non pode satisfacer as demanda sociais de postos de consulta e lectura, nin tampouco de actividades nin eventos de máis de 30 persoas nin realizar exposicións”, declarou Anxo M. Lorenzo. Tamén recordou que os depósitos están saturados e non son capaces de albergar máis.

Por iso, como explicou, a Xunta considera que un edificio novo, que só incremente a capacidade do actual en 1.000 ou 1.500m², non podería resolver os problemas da actual biblioteca e nacería con carencias importantes nos servizos e depósitos. “Sería incapaz de responder con calidade ás necesidades actuais e futuras”, asegurou. Anxo M. Lorenzo indicou que o Ministerio de Cultura y Deportes foi sensible á hora de dotar a outras cidades de edificios que presten servizos bibliotecarios adecuados e axustados á realidade, algo que non está a facer con Vigo. “Suporía un agravio comparativo”, indicou.

Neste sentido, recordou que o tamaño medio das bibliotecas construídas polo Ministerio de Cultura é de entre 6.000 e 6.500m² e tres das bibliotecas do Estado en Galicia superan o tamaño pretendido para a futura biblioteca de Vigo, como é o caso da nova biblioteca de Ourense que foi inaugurada en decembro do ano pasado.

Imaxes relacionadas