A Xunta aposta pola dinamización da vida local a través das axudas destinadas a mellorar o funcionamento das asociacións veciñais

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitaron esta tarde as melloras levadas a cabo na asociación de veciños de Cruceiro da Paz de Xunqueiras

Pazos de Borbén (Pontevedra), 14 de decembro de 2020

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, comprobaron esta tarde as melloras levadas a cabo no local da asociación de veciños de Cruceiro de Paz de Xunqueiras, no marco das subvencións incluídas no Plan de acción comunitaria. Durante a visita destacaron a aposta do Goberno galego na colaboración con estas asociacións co obxectivo de contribuír á dinamización e consolidación do movemento veciñal e a mellora da calidade de vida local.

A Xunta colaborou este ano coa entidade na mellora da accesibilidade das instalacións, en concreto, na colocación de aseos para persoas con discapacidade, ademais do acondicionamento da cafetaría do local social. A asociación de veciños Cruceiro da Paz de Xunqueiras é unha das 47 entidades da área de Vigo beneficiarias ás que o Goberno galego destinou este exercicio case 624.000 euros.

No conxunto de Galicia, a convocatoria de axudas contou cun investimento de 2,5 millóns de euros destinados a levar a cabo obras nos locais sociais e instalacións comunitarias de 190 asociacións, así como na adquisición de equipamentos para o seu funcionamento ou na reparación de traídas de auga veciñais. Estas iniciativas súmanse a case un millón de proxectos de asociacións de veciños, de mulleres rurais e de comunidades de usuarios de augas nos que a Xunta investiu nos últimos cinco anos preto de 10,5 millóns en axudas.
 

Imaxes relacionadas