Trenor presidiu a firma do convenio co alcalde de Santiago do Plan de transporte metropolitano desta área cun investimento de 5,3 M€ en catro anos

A Xunta financiará as bonificacións nos billetes, os transbordos e os descontos a usuarios recorrentes e familias numerosas coa achega de máis de 1,3 M€ ao ano

Os 18 municipios desta área de transporte metropolitano que están integrados no convenio achegarán anualmente preto de 441.000 euros

O plan supón que máis de 73.700 Santiago veciños da área de se estean a beneficiar de descontos da tarxeta TMG nos desprazamentos cotiás, acadando aforros de 1.000€ anuais

Nesta área tamén hai máis de 12.000 menores de 21 que viaxan gratis en autobús coa tarxeta Xente Nova, que a mediados de 2021 se estenderá a toda a comunidade
 

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2020

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, presidiu a firma do convenio de transporte metropolitano co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, un dos 18 municipios integrados neste programa. Trenor lembrou que este plan está asinado pola Xunta e os concellos de Santiago de Compostela, Ames, Teo, Brión, O Pino, Boqueixón, Val do Dubra, Touro, Trazo, Oroso, Vedra, A Baña, A Estrada, Negreira, Ordes, Padrón, Rois e Vila de Cruces.

O delegado da Xunta recalcou que “estes acordos de colaboración para o desenvolvemento conxunto do Plan de Transporte Metropolitano de Santiago contan cun investimento autonómico de máis de 5,3 millóns de euros para os vindeiros 4 anos”.

O Goberno galego achegará anualmente máis de 1,3 millóns de euros para financiar os descontos nos billetes, os transbordos e as bonificacións adicionais aos usuarios recorrentes e membros de familias numerosas.

Entre os 18 concellos integrantes desta Área de transporte, que xa referendaron oficialmente este novo convenio, achegarán case 441.000 euros ao ano.

O obxectivo do convenio hoxe aprobado é garantir a continuidade deste plan social en condicións similares ás que se aplican desde a súa posta en marcha en xaneiro de 2011.

No marco do Plan de Transporte Metropolitano, o Goberno galego contribúe co 80% da bonificación no traxecto principal e os concellos co 20% restante. Ademais, a Xunta financia o 100% dos transbordos e os descontos adicionais aos usuarios habituais (15%) e familias numerosas, ata o 50%.

Neste sentido, o plan, que ten incrementado en máis do 62% o uso do transporte público, rexistrou desde a súa posta en marcha a realización de 17 millóns de viaxes bonificadas.

Na actualidade case 73.700 veciños da área de Santiago estanse a beneficiar dos descontos da Tarxeta de Transporte Metropolitano, TMG, nos desprazamentos cotiáns, coa que poden acadar aforros que roldan os 1.000 euros ao ano.

Tarxeta Xente Nova

Ademais nesta área tamén hai 12.000 mozos menores de 21 anos que viaxan de balde en autobús coa tarxeta Xente Nova.

A Xunta prevé culminar a mediados de 2021 a extensión da tarxeta Xente Nova e da TMG a todas as liñas de autobús da comunidade.

O acordo aprobado hoxe renova e reforza a promoción do transporte público colectivo na área da Coruña, ao tempo que a Xunta continúa avanzando cara á implantación da Área de Transporte de Galicia, que suporá estender os beneficios das grandes áreas de transporte metropolitano ao conxunto do territorio.

A Área de Transporte de Galicia suporá a activación dunha mesma tarifa en toda a Comunidade, despenalizando os transbordos, incluídos aos que impliquen ao autobús urbano, que serán bonificados ao 100% polo Executivo autonómico.

O Goberno galego continúa apostando polo fomento do uso do transporte público en detrimento do vehículo particular, o que supón importantes aforros económicos para as familias e vantaxes sociais e medioambientais para os cidadáns.

 

Imaxes relacionadas