A Xunta inicia as obras de estabilización dun noiro na estrada PO-308 en Raxó, no concello de Poio

Os traballos teñen un prazo de execución dun mes e suporán un investimento superior aos 28.000 euros

O obxectivo é mellorar a estabilidade deste noiro coa fin de evitar posibles desprendementos

As obras consistirán na instalación de bulóns e dunha malla metálica, con cables de reforzo verticais e horizontais ancorados aos primeiros elementos
 

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar as obras de estabilización dun noiro na estrada PO-308, en Raxó, no concello de Poio.

A intervención foi adxudicada á empresa Xérmolo S.A e conta cun investimento de máis de 28.000 euros. Os traballos teñen un prazo de execución dun mes.

O obxectivo é mellorar a estabilidade dun noiro na marxe dereita da estrada PO-308 en Raxó, situado entre os puntos quilométricos 10+630 ao 10+680, coa fin de evitar posibles desprendementos.

Para realizar estas obras, levarase a cabo a roza e limpeza do noiro. A continuación, instalaranse bulóns, elementos que se introducen no noiro no que se inxecta morteiro de modo que se suxeiten posibles desprendementos.

Tamén se colocará unha malla metálica superficial, con cables de reforzo verticais e horizontais de 8 mm de diámetro ancorados aos bulóns.

A Xunta continúa traballando no mantemento das estradas autonómicas co obxectivo de reforzar a seguridade viaria.

Imaxes relacionadas