A Xunta executa traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Bastiagueiro e San Pedro, no concello de Oleiros

As tarefas inclúen a limpeza en distintos tramos destes ríos ao seu paso polas parroquias de Liáns, Perillo e San Pedro de Nós

Estes traballos enmárcanse nas actuacións de mantemento realizadas por Augas de Galicia nas áreas con risco potencial de inundacións

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos dos ríos Bastiagueiro e San Pedro, no concello de Oleiros.
Estas tarefas estanse a desenvolver en tres tramos do río Bastiagueiro, nas parroquias de Liáns e Perillo; mentres que os labores no río San Pedro,  desenvólvense na parroquia de San Pedro de Nós.

Os traballos forman parte das intervencións de mantemento que leva a cabo Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI).

As actuacións céntranse na retirada de árbores e pólas caídas e madeira morta, así como a roza selectiva, limitada ao ancho da canle, en tramos cubertos por maleza. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-norte.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.