O Sergas e as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT consensúan o diagnóstico para o I Plan de Igualdade

Trátase do primeiro paso do Plan consensuado na Comisión de Igualdade entre a Consellería de Sanidade e as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT

A Administración sanitaria presentou os eixos de actuación derivados do diagnóstico de situación, co obxectivo de acadar a integración do principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no SERGAS, particularmente nas políticas de xestión de recursos humanos
 

Santiago de Compostela, 13 de decembro 2020.- 

A xuntanza da Comisión de Igualdade, da que forman parte representantes da Administración sanitaria e das organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT, vén de presentar un documento coa totalidade da fase de diagnóstico do I Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes no Servizo Galego de Saúde, xunto coas liñas estratéxicas en Igualdade.

Dito informe de diagnóstico é froito dos traballos realizados pola Administración sanitaria e a representación dos traballadores e traballadoras en aras de acadar a integración do principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no Sergas e, particularmente, nas políticas de xestión de recursos humanos.

A diagnose permitiu detectar as situacións de desigualdade reais ou latentes entre homes e mulleres no Sergas e, neste sentido, a Administración sanitaria presentou os eixos de actuación derivados do diagnóstico de situación, no que se inclúen medidas e accións positivas para corrixilas e así acadar a igualdade de oportunidades entre ambos sexos. Os eixos presentados son o comezo das materias a incluír no Plan, con 42 medidas propostas, quedando a Administración á espera das achegas que poidan realizar as organizacións sindicais.

Nesta diagnose previa analízanse distintas áreas da organización que comprenden dende as características xerais e estrutura do Sergas, ata a selección e a promoción profesional; a clasificación profesional; a formación; as condicións de traballo e retribucións; o exercicio dos dereitos de conciliación da vida laboral, familiar e laboral; e as situacións de especial protección como no caso de violencia de xénero.

Datos presentados

Os datos presentados indican que o Sergas é unha organización feminizada, sendo o 77,8% dos traballadores mulleres e un 22,2% de homes, incrementándose esta diferenza a favor das mulleres nos tramos de menor idade. En todos os niveis asistencias, e en todos os centros, existe unha sobrerrepresentación feminina, especialmente na atención hospitalaria.

En canto aos estamentos profesionais, no persoal facultativo un 41% son homes é un 59% mulleres. No resto do persoal sanitario, a porcentaxe de mulleres é maior (un 90,9% fronte ao 9,1% de homes). No que atinxe ao persoal de xestión e servizos, hai un 68,5% de mulleres e un 31,5% de homes.

O tipo de quenda de traballo máis frecuente entre ambos sexos é a quenda fixa de mañá, seguida da quenda rotatoria complexa (mañá/tarde/noite), se ben, no ámbito da atención primaria, obsérvase un maior índice de feminización na quenda de mañá-desprazable, e na atención hospitalaria nas quendas rotatorias.

En canto aos vínculos do persoal, derivado do alto número de mulleres que figuran como aspirantes nas listaxes de selección, os vínculos eventuais realízanse nun 85,1% dos casos con mulleres e no 14,9% con homes. Respecto dos sistemas de selección de persoal fixo, obsérvase que a porcentaxe de mulleres que superaron os distintos procesos selectivos desde o ano 2013 é superior á dos homes.

Este marco representa o compromiso da Sanidade pública galega de integrar medidas cara a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes na organización como principio básico e transversal, incluíndose dito principio nos obxectivos da política da organización e, particularmente, na política de xestión de recursos humanos.

Para levar a cabo este propósito, contarase coa representación legal dos traballadores e traballadoras, con quen a Administración comparte intereses para afrontar a implantación do Plan de Igualdade como unha modernización do sistema de xestión que producirá, sen dúbida, unha estrutura interna que contribuirá ao avance cara a unha sociedade na que a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes sexa real e efectiva.