Un total de 86 mostras compiten nas catas dos queixos e dos meles 2020 que organizan a Xunta e os consellos reguladores

Nesta edición rexistráronse 29 industrias queixeiras con 49 mostras e 25 industrias do mel con 17 meles monoflorais e 20 multiflorais

Os paneis de cata están formados por profesionais experimentados vencellados ao ámbito da gastronomía, da hostalería, da comunicación e do sector agroalimentario
 

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2020

Un total de 86 mostras participan na XXIII cata dos queixos e na XIX cata dos meles de Galicia, correspondentes ao ano 2020. Mañá luns, coa selección dos mellores meles, completarase o proceso de cata desta edición, organizada pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), e os consellos reguladores das denominacións de orixe protexida (DOP) San Simón da Costa, Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa, Cebreiro e da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia.

Das mostras participantes, 49 pertencen aos queixos (dun total de 29 industrias queixeiras) e as 37 restantes son de 25 industrias de mel. As catas dos queixos realizáronse a semana pasada na Cidade da Cultura de Galicia e a elas asistiu o director da Agacal, José Luis Cabarcos. A dos meles terá lugar mañá luns no mesmo emprazamento.

Un labor que está levando a cabo un panel formado por un grupo de expertos encargados de analizar totalmente a cegas e de forma minuciosa as mostras, para pasar a seleccionar as marcas gañadoras. Ademais, tanto na recollida como na fase de cata extremáronse as medidas de seguridade anti-covid para facer unhas catas seguras para todo o persoal implicado.

Os días tres e catro de decembro recolléronse as mostras de mel por toda Galicia, un proceso no que participaron representantes da Agacal, acompañados dun técnico do consello regulador da IXP Mel de Galicia. Nesta ocasión, foron 25 as industrias de mel as que inscribiron 17 meles para concursar na categoría A, de meles monoflorais, e 20 para a categoría B, correspondente a meles multiflorais.

No caso das industrias queixeiras, a recollida realizouse os días 7, 9 e 10 de decembro por parte do persoal da Agacal e os representantes dos distintos consellos reguladores. Nesta vixésimo terceira edición, son 29 as industrias queixeiras que concursan, cun número de mostras que se distribúen da seguinte forma: 20 queixos inscritos da DOP Queixo Tetilla; 15 queixos na categoría DOP Arzúa-Ulloa e 5 queixos que compiten como Arzúa-Ulloa curado; 7 pertencentes á DOP San Simón da Costa; e 2 queixerías na categoría de queixo fresco da DOP Cebreiro.

Seriedade e rigor


O traballo das catas, realizado polo persoal da Agacal en colaboración cos consellos reguladores, desenvólvese con tódalas garantías de seriedade e rigor, avalando en todo momento o anonimato das marcas participantes. De feito, non é a industria quen facilita á organización a mostra a concursar mediante o seu envío, senón a propia comisión de recollida quen realiza a identificación e recolla dos queixos e meles dos lotes inscritos, certificando que compren cos requisitos establecidos nas bases.

De tal forma, os queixos e meles participantes identifícanse cun número de mostra asignado pola comisión de recollida, que posteriormente se mudará por outro antes de proceder á cata, garantindo así de maneira fidedigna o anonimato das mostras en todo momento. As caixas que conteñen os queixos e os meles non portan ningunha marca que permita ser identificada, e permanecen precintadas e custodiadas ata o momento da cata.

O xurado da XXIII Cata dos Queixos conta coa presenza de catro membros do panel de cata dos queixos con denominacións de orixe de Galicia, aos que se suman nomes coma o cociñeiro André Arzúa Tizón, que ademais de contar cunha ampla experiencia no mundo da hostalería é actualmente o xerente de Espazo Abella, espazo formativo profesional gastronómico en Santiago de Compostela; Johanna Christina Sweers, catadora experta da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias, e Elena Quián Casal, profesora do CIFP Compostela e que xa participou neste certame en edicións anteriores. Os demais membros do panel de cata son Sonia Otero Padín; Carlos Veiga Pérez, Salomé Beiroa Fernández e Mariela Barca Villarta, todos eles con ampla experiencia neste panel.

No que respecta á XIX Cata dos Meles, o panel está formado polos catadores André Arzúa e Elena Quián, así como por outros cinco membros do panel de cata da IXP Mel de Galicia, en concreto Javier García de La Fuente, Paula Casaleiro Barros, Diego Lamas Fernández, Mirian Rodríguez Comesaña e Beatriz Ríos Cebreiros.
 

Imaxes relacionadas