A Xunta inicia a vindeira semana traballos de roza e limpeza nas marxes da estrada autonómica OU-105 que comunica a cidade de Ourense e a Ponte Noalla, en San Cibrao das Viñas

Seguirase avanzando nos labores en marcha na estrada autonómica OU-540, que une Ourense e a fronteira de Portugal

Continuarán na provincia de Pontevedra as tarefas iniciadas nas marxes da vía de altas prestacións V.G.-4.3, que comunica Cambados e Vilagarcía de Arousa
 

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2020

A Xunta ten previsto iniciar a vindeira semana os traballos de roza e limpeza na estrada autonómica OU-105, que comunica a cidade de Ourense e A Ponte Noalla, en San Cibrao das Viñas.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

No marco destas actuacións, tamén se seguirá avanzando na limpeza en marcha na estrada autonómica desta provincia OU-540, que une Ourense e a fronteira de Portugal.

Continuarán na provincia de Pontevedra os labores iniciados nas marxes da vía de altas prestacións V.G.-4.3, que comunica Cambados e Vilagarcía de Arousa.

Na provincia de Lugo seguirán estas tarefas nas estradas LU-862, no Vicedo e Viveiro, e na vía de altas prestacións CG-2.2, en Lugo e no Corgo

Intensificaranse, ademais, os labores iniciados na VG.-1.2, entre Ares e Mugardos; na estrada AC-432, en Vimianzo; así como VG.-1.4, en Cee.

As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.

 

Imaxes relacionadas