Preto de 143.000 persoas beneficiáronse en Galicia das actuacións cofinanciadas polo FSE desde o inicio do programa operativo 2014-2020

O programa aprobou ata finais de 2019 un total de 146 operacións por importe de case 356 millóns de euros nos tres eixes de intervención

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2020

Un total de 142.782 persoas beneficiáronse en Galicia ata finais de 2019 das actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) dentro do Programa Operativo 2014-2020. Estas actuacións teñen como obxectivo apoiar o emprego e a formación das persoas, e loitar contra a pobreza e a discriminación.

Desde o inicio do período de programación e ata o 31 de decembro de 2019, aprobáronse 146 operacións por importe de case 356 millóns de euros nos tres eixes de intervención. Entre as actuacións desenvolvidas, no eixe 1B –centrado na mellora da calidade do emprego- destacan os programas de incentivos á promoción do emprego autónomo; e os de fomento do emprendemento e do emprego feminino; o apoio ao fomento da conciliación da vida laboral e familiar; a formación de traballadores de sectores estratéxicos e o fomento da igualdade completan as accións levadas a cabo.

No eixe 2B, para a promoción da inclusión social e a loita contra a pobreza e calquera forma de discriminación, financiáronse iniciativas para asesoramento e formación de persoas con discapacidade, servizos sociais comunitarios e inclusión social e para a inserción sociolaboral de mozos e mozas en risco de exclusión. Iniciouse, ademais, unha nova actuación que permitiu a contratación de persoal técnico para a Oficina de asesoramento e seguimento ao retorno. E continuouse con programas de recursos para mulleres en situación de vulnerabilidade e para vítimas de violencia de xénero.

No referido ao investimento en educación -eixe 3B-, leváronse a cabo programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento, ciclos medios de Formación Profesional e recoñecemento de competencias profesionais.

O comité de seguimento do Programa Operativo Fondo Social Europeo 2014-2020 correspondente ao 2019 celebrouse a semana pasada de xeito telemático. Por parte da Xunta de Galicia participou na reunión, o director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó. Ademais, tamén participaron representantes da Comisión Europea e da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo (UAFSE) do Ministerio de Traballo e Economía Social. Interviñeron tamén representantes das organizacións económicas e sociais con máis representatividade en Galicia.