Galicia traballará en Bruxelas para contrarrestar a proposta de redución de cotas en 2021 e pedirá que se teñan en conta os aspectos socieconómicos

A comunidade galega acompañará ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en representación das autonomías españolas ao Consello de Ministros de Pesca da UE da próxima semana no que se fixarán as posibilidades de captura do ano que vén

A Consellería do Mar demandará flexibilidade na fixación das cotas de pesca tendo en conta o bo estado no que se atopan os caladoiros nos que faenan as frotas española e galega

O Executivo galego conta cun informe que mostra que a proposta de redución das posibilidades de pesca feita pola Comisión Europea tería un impacto directo potencial de máis de 12 millóns de euros na frota galega e de arredor de 30 millóns no conxunto da economía da comunidade

Galicia lamenta a incerteza sobre o brexit e sobre a indefinición que xera na proposta de TAC e cotas do ano que vén para os caladoiros de Gran Sol e Francia posto que os prazos para decidir sobre esta zona de pesca son curtos
 

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañará a próxima semana -o martes e o mércores- ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea no que se negociarán os Totais Admisibles de Capturas (TAC) e cotas do ano que vén. Neste encontro Galicia defenderá con argumentos e informes a necesidade de que haxa flexibilidade na xestión das pesqueiras, especialmente tendo en conta o bo estado no que se atopan os caladoiros nos que faenan as frotas española e galega.

A comunidade galega traballou nas últimas semanas na preparación dos argumentos e informes necesarios para contrarrestar a proposta realizada por Bruxelas para o caladoiro Cantábrico-Noroeste e a de transición para o Gran Sol e volverá incidir na importancia de que, máis que nunca, se teñan en conta non só os aspectos medioambientais senón tamén os económicos e sociais.

Precisamente, entre os argumentos recompilados e as estimacións realizadas por Galicia inclúese un informe -que xa foi entregado ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, á Comisión Europea, ao Consello e ao Parlamento Europeo- sobre o potencial impacto que terían os recortes propostos no Cantábrico-Noroeste para a frota española e galega. Ese documento mostra que as rebaixas das posibilidades de pesca terían un impacto potencial directo na frota galega de arredor de 12,5 millóns de euros, cifra que roldaría os 30 millóns incluíndo a súa incidencia no conxunto da economía galega, e afectaría a 2.300 tripulantes.

Galicia considera que a proposta feita polo Executivo comunitario para as pesqueiras do Cantábrico-Noroeste é claramente negativa ao incluír propostas de recortes como as do 13% para a pescada e o peixe sapo e a do 11% para o rapante, entre outras. De feito, o único incremento que recolle é no xurelo, tanto en augas do Cantábrico como ao sur de Fisterra.

Por iso, a Consellería do Mar xa mantivo distintas reunións e contactos coas autoridades españolas e europeas -entre elas a directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, e o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas,- para trasladarlles a postura de Galicia sobre este asunto e buscar un resultado positivo na negociación.

Ademais, a comunidade galega lembra que na situación actual, cunha crise económica derivada da alerta sanitaria polo coronavirus, é necesario ter maior sensibilidade ca nunca cara aos aspectos económicos e sociais pois as decisións sobre a xestión das pesqueiras incide en milleiros de familias de Galicia e do resto das rexións costeiras europeas.

Especies peláxicas

Entre as demandas do Executivo galego tamén está que nas especies peláxicas, con gran presenza no caladoiro Cantábrico-Noroeste, se debería ter en conta a necesidade de separar os TAC de acordo coa súa situación biolóxica así como aplicar fórmulas de flexibilidade en canto ao solapamento de stocks en determinadas zonas, caso do xurelo ou da anchoa. A isto súmase a importancia de adecuar as medidas de xestión á aplicación da obriga de desembarque con especial atención á selectividade das artes empregadas e á homoxeneidade na aplicación de medidas restritivas sobre o seu uso.

Nesta liña, a Xunta tamén expuxo a transcendencia de que non haxa diferenzas entre as medidas adoptadas nunhas zonas de pesca en relación con outras, para evitar agravios comparativos e unha menor aceptación das medidas por parte dos pescadores.

Importancia do brexit

Galicia tamén lamenta a incerteza existente sobre o brexit e sobre a indefinición que este xera para a proposta de TAC e cotas do ano que vén para os caladoiros de Gran Sol e Francia posto que os prazos para adoptar unha decisión sobre esta zona de pesca son curtos e é preciso traballar de forma rápida na busca do mellor acordo posible sobre as posibilidades de pesca.

O Executivo galego defende que o sector pesqueiro non sexa utilizado como moeda de cambio nas negociacións sobre o brexit e aposta por un acordo que supoña manter o statu quo mediante o acceso ás augas británicas por parte da frota europea e ao mercado comunitario por parte dos produtos pesqueiros do Reino Unido.
 

Imaxes relacionadas