José González aposta pola potenciación da marca galega 100% e dos futuros selos para o leite de pastoreo e de produción integrada na entrega dos premios Exceleite 2020

O conselleiro destacou que a Estratexia persegue deica 2025 o impulso das marcas de calidade xa existentes e a regulación doutras novas, co obxectivo de posicionar no mercado produtos lácteos galegos con alto valor engadido

Lembrou que a Xunta traballará para que as explotacións poidan aumentar a súa base territorial ao abeiro da nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que entrará proximamente no Parlamento

Tamén avogará pola entrada das cooperativas no capital das industrias para que se beneficien da transformación do leite e asuman un papel relevante na negociación do produto
 

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2020

O conselleiro do Medio Rural, José González, xunto co director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asistiu este mediodía á entrega dos galardóns á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia, coñecidos como premios Exceleite. Alí, o conselleiro apostou pola potenciación da marca Galega 100% e dos futuros selos que regularán o leite de pastoreo e de produción integrada, co obxectivo de posicionar no mercado produtos con alto valor engadido ao abeiro da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego.

Na súa intervención, José González referiuse ao sector leiteiro galego como un referente dentro e fóra da comunidade, por ser líder no conxunto de España, e ademais, situarse entre as dez primeiras rexións lácteas de Europa. Nesa liña debemos seguir traballando, recalcou, da man de todos os axentes implicados para afondar na transparencia e no funcionamento da cadea de valor do leite.

Así, o titular de Medio Rural salientou que a prioridade da Xunta é apostar polos produtos con alto valor engadido no marco dunhas explotacións cada vez máis profesionalizadas e rendibles. Nesa dirección, lembrou, impulsarase unha mellora da formación dos gandeiros orientada á xestión empresarial, así como o incremento da base territorial das granxas, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que entrará proximamente no Parlamento.

A maiores, o conselleiro apuntou que o Goberno galego avoga polo fortalecemento da posición dos produtores á hora de negociar o leite mediante -entre outras- a entrada das cooperativas no capital das novas industrias que se asenten en Galicia, conseguindo deste xeito non só garantir a recollida do produto senón tamén que o gandeiro se beneficie da súa transformación. Así mesmo, recalcou que se traballará pola mellora da xestión dos residuos gandeiros, a través dunha lei galega específica.

En relación aos galardoados, José González trasladoulles os seus parabéns polo labor ben feito e transmitiulles ese mesmo esforzo e dedicación por parte da Xunta, para continuar traballando por promocionar a calidade dos produtos lácteos galegos. Referíndose a este sector como estratéxico, concluíu que non só serve de motor do rural, senón tamén da economía e do futuro de Galicia.

Cuarta edición

Os premios Exceleite teñen como finalidade recoñecer aos gandeiros máis comprometidos co seu traballo e, polo tanto, coa calidade do leite que producen nas súas explotacións. Así, estes galardóns distinguen ás granxas en tres categorías en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e, á súa vez, estas subdivídense en tres grupos segundo o sistema de produción (intensivo, semiextensivo ou extensivo). Tamén se recoñecen de xeito específico as mellores explotacións ecolóxicas.

A estes premios optaron todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) e que estiveran dadas de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das ecolóxicas, no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). Polo tanto, os gañadores pasaron uns controis serios e rigorosos levados a cabo por profesionais do Ligal, veterinarios e técnicos da Consellería, e que dan mostra do comprometidos que están coa calidade do seu produto.
 

Imaxes relacionadas