O secretario xeral de Cultura salienta o labor do museo do gravado de artes a prol da figura de Curros Enríquez

Anxo M. Lorenzo participou na inauguración da exposición ‘Airiños d’a miña terra. O gravado V33’, co gallo do 140 aniversario deste poemario, dun dos máis destacados autores do Rexurdimento

Ribeira (A Coruña), 11 de decembro de 2020.- O secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, participou esta tarde na inauguración da exposición Airiños d’a miña terra. O gravado V33, coa que o Museo do Gravado de Artes, en Ribeira, lle rende homenaxe a Manuel Curros Enríquez con motivo do 140 aniversario da edición do seu poemario do mesmo nome.

Anxo M. Lorenzo gabou a iniciativa levada a cabo polo Museo do Gravado, xa que pon en valor a figura de Curros Enríquez, a través da súa produción literaria, neste caso coa edición ilustrada dunha das obras mestras do Rexurdimento da literatura galega como é Aires d’a miña terra, que se publicou por primeira vez en 1880.

Para esta edición, o Museo do Gravado de Artes contou coa colaboración da Real Academia Galega, que emprestou a primeira edición orixinal da obra de Curros, o que axudou a elaborar este volume con gravados realizados mediante o sistema patentado polo catedrático da Universidade de Salamanca José Fuentes, denominado V33. Trátase dun sistema innovador para a estampación que se caracteriza pola achega dun composto material baseado no carburo de silicio, o carborundo, que non resulta contaminante, o que permite traballar en espazos pechados e crear gravados en positivo.

Os resultados dos obradoiros de gravado foron impartidos no propio museo baixo a dirección do artista e profesor Antonio Navarro. Ademais, nas ilustracións tamén participaron artistas como Manuel Ayaso, Maralla, Pura Villar, Héitor Picallo, Alba Mariña Souto, Marian Paredes e Yolanda Herranz.