Feijóo destaca os novos retos da autoridade portuaria de Vilagarcía de Arousa para seguir facendo un porto máis operativo e eficiente

Para acadar estes obxectivos asevera que esta institución portuaria seguirá contando coa colaboración activa da Xunta

Vilagarcía de Arousa, 11 de decembro de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe, durante a toma de posesión do novo presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa, os novos retos aos que se enfronta José Manuel Cores Tourís, para seguir traballando por un porto máis operativo e eficiente.

Retos como: o incremento do calado da canle de entrada e das dársenas do porto; a reordenación interior dos espazos portuarios para gañar almacenamento e afondar na diferenciación entre porto comercial, industrial e o porto cidadán; ou a mellora de servizos a través de iniciativas Smart.

Para acadar todos estes obxectivos, Feijóo aseverou que esta institución portuaria, ao igual que os demais Portos de interese xeral do Estado, seguirá contando, coa colaboración activa da Xunta.

Ao longo da súa intervención, destacou tamén o traballo desenvolvido pola presidenta saínte, Sagrario Franco, cuxa labor reflíctese na mellora da capacidade do Porto de Ferrazo; na posta en funcionamento do ferrocarril ata este peirao, que permitiu estender o servizo ata os peiraos Comercial e Comboa; e no impulso das actuacións de integración do porto-cidade.
 

Imaxes relacionadas