Roman Rodríguez gaba o esforzo da comunidade educativa do IES Xelmírez I a prol dunha educación de calidade ao longo dos seus 175 anos de historia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade participou nos actos conmemorativos do aniversario deste instituto, no que se entregaron os premios dos certames de Banda Deseñada e de Ensaio Subversivo

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2020

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, gabou hoxe a implicación e o esforzo da comunidade educativa do IES Arcebispo Xelmírez I, de Santiago de Compostela, a prol dunha educación de calidade e comprometida ao longo dos 175 anos de historia deste instituto.

Román Rodríguez participou esta tarde nos actos conmemorativos deste aniversario, que incluíron a entrega dos premios da octava edición dos certames de Banda Deseñada AX1, e de Ensaio Subversivo Guillerme Domínguez, cos que desde hai máis dunha década colabora a Xunta a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

En nome do Goberno galego, o conselleiro transmitiulle os parabéns a todos os galardoados, aos que animou a “seguir enriquecendo o legado deste instituto que é un dos cinco de Galicia recoñecidos con rango de históricos dentro da Rede do Museo Pedagóxico de Galicia, MUPEGA”.

Ademais, Román Rodríguez tamén agradeceu o traballo do equipo directivo e dos docentes do IES, así como da Asociación Colectivo Xelmírez (integrada por alumnado e profesorado do centro) como impulsora dos certames de Banda Deseñada e de Ensaio Subversivo, dos que destacou o seu carácter aperturista e integrador, xa que están abertos a institutos de toda Galicia. De feito, entre os premiados desta edición figuran dous institutos composteláns (IES Lamas de Abade e IES Eduardo Pondal), un de Ourense (IES Universidade Laboral), da Coruña (IES de Monelos) e de Lalín (con dous premiados do IES Ramón María Aller Ulloa).
 

Imaxes relacionadas