A Xunta defende ante os traballadores de Navantia a necesidade de que o Goberno se sume a un plan de futuro para o estaleiro que despexe a ameaza de parálise do naval en Ferrol

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro co comité de empresa para avaliar a situación que atravesa o estaleiro

A Administración autonómica demanda que se garanta carga de traballo mentres non se comezan a construír as fragatas F-110 e que se adiante a súa construción, que se consignen fondos para o dique cuberto e que o naval conte cun plan específico dentro dos fondos europeos de reconstrución

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro co comité de empresa de Navantia, no que Xunta e traballadores defenderon a necesidade de que o Goberno central se sume ao obxectivo de establecer un plan de futuro para Navantia que despexe a ameaza de parálise en Ferrol.

Tal e como apuntou o conselleiro, o encontro celébrase co obxectivo de avaliar a situación que atravesa o estaleiro público e determinar cales son as actuacións que o Goberno central aínda ten pendentes e que tanto a Xunta como os traballadores consideran vitais e inaprazables.

Neste sentido, fixo fincapé en que “necesitamos que o Goberno se crea realmente que o sector naval é un sector estratéxico, que hai unha necesidade inmediata para que haxa un plan específico para Navantia e por suposto que a industria auxiliar se poida beneficiar destas actuacións”.

Así, apuntou o responsable de Economía, Empresa e Innovación, búscase garantir carga de traballo mentres non se comezan a construír as fragatas F-110, e adiantar a construción das mesmas. Ademais, incidiu na necesidade de que nos Presupostos Xerais do Estado se consignen os fondos necesarios para o taller de subloques e o dique cuberto, unha infraestrutura clave para acceder a novos contratos cun equipamento tecnolóxico máis avanzado, no camiño cara ao estaleiro 4.0. Sinalou tamén a necesidade de que o naval conte cun plan específico dentro dos fondos europeos de reconstrución Next Generation.

Imaxes relacionadas