Luisa Piñeiro reafirma o “máximo compromiso” da Xunta co Concello de Portas na súa visita institucional e anuncia que os orzamentos 2021 recollen investimentos por 417.000€

A delegada territorial mantén unha xuntanza de traballo co alcalde, Ricardo Martínez, para recoller as súas peticións para o Goberno galego

A representante autonómica garante a continuidade da “colaboración e apoio” con Portas tras investir 3,3 millóns de euros nos últimos catro anos

Portas, 11 de decembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, reafirmou esta mañá o “máximo compromiso” do Goberno galego co Concello de Portas durante a súa visita institucional ao municipio, na que tamén anunciou que o proxecto de Orzamentos Autonómicos 2021 recolle uns investimentos iniciais por 417.000€.

A representante autonómica mantivo unha reunión de traballo co alcalde, Ricardo Martínez, para recoller as súas solicitudes para a Xunta de Galicia e comprometeuse a comezar coa súa xestión ante as distintas consellerías co obxectivo de ver as posibilidades de execución. Entre as peticións figuran a axilización dos procesos de concentración parcelaria de Briallos e Romai para chegar ao seu remate e a construción dunha depuradora en Romai.

Tras o encontro, Luisa Piñeiro garantiu a continuidade da “colaboración e apoio” da Xunta de Galicia co Concello de Portas no marco do clima de entendemento entre ambas administracións e lembrou que o executivo galego investiu 3,3 millóns de euros neste municipio nos últimos catro anos, con especial incidencia na área de medio rural, que rebasou os 1,2 millóns.

Ademais, a delegada territorial tamén anunciou que o Concello de Portas vaise beneficiar, alomenos, de 417.000€ en investimentos e servizos da Xunta de Galicia o vindeiro ano, segundo se recolle no proxecto autonómico de orzamentos, aínda que adiantou que estas partidas son as específicas e que a contía aumentará coas ordes de axudas e outros plans. Así, detallou que xa está confirmada a construción dunhas pistas de pádel cun orzamento de 45.000€ e que serán cofinanciadas pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Imaxes relacionadas