O arrastre de litoral sufriría o 64% da caída de ingresos da frota galega polo recorte de cotas proposto por Bruxelas no Cantábrico-Noroeste para 2021

Un informe do Executivo galego mostra que as reducións das posibilidades de captura defendidas por Bruxelas para especies como a pescada, o peixe sapo ou o rapante poden ter un impacto potencial na facturación deste segmento de buques de 8 millóns de euros, arredor de 150.000 euros ao ano por embarcación

O documento analizado hoxe no Consello Galego de Pesca cuantifica en catro millóns o posible impacto nas artes menores, con especial incidencia nalgúns barcos para os que estas especies supoñen máis da metade das súas vendas

A proposta da Comisión Europea afectaría a un total de 2.300 tripulantes, que poderían ver reducidas as súas retribucións nunha media de 2.000 euros anuais, e tería unha incidencia indirecta de 6,6 millóns de euros nas empresas de abastecemento de recursos como combustible, xeo ou víveres

O impacto potencial no conxunto da economía galega roldaría os 29 millóns de euros polo que a Xunta lembra a importancia de que a xestión pesqueira teña en conta tanto os aspectos medioambientais como os económicos e sociais
 

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2020

A proposta de Totais Admisibles de Capturas (TAC) e cotas realizada por Bruxelas para o ano que vén no caladoiro Cantábrico-Noroeste -as augas de Gran Sol e Francia non están incluídas nesa proposta á espera das negociacións sobre o brexit- tería un impacto potencial directo de arredor de oito millóns de euros na frota galega de arrastre de litoral, preto do 64% da caída de ingresos estimada para o conxunto da frota da comunidade, que ascende a 12,5 millóns de euros.

Estas cifras aparecen recollidas nun informe socioeconómico elaborado pola Consellería do Mar para a defensa dos intereses da frota galega e española no decisivo Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea da próxima semana en Bruxelas -no que se fixarán as posibilidades de captura de 2021- e que o Executivo galego lle presentou hoxe ao sector no Consello Galego de Pesca. Este documento tamén foi entregado ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para que o empregue no encontro da vindeira semana en Bruxelas, no que Galicia acompañará á delegación española en representación das comunidades autónomas, así como á Comisión Europea, Consello e Parlamento Europeo.

A análise realizada pola Xunta cifra o posible impacto das propostas de reducións de capturas no Cantábrico-Noroeste -entre as que se inclúen as do 13% para a pescada sur e para o peixe sapo ou a do 11% para o rapante-, nunha incidencia potencial nos ingresos de cada buque de arrastre de 150.000 euros ao ano.

O segundo segmento de frota máis afectado en Galicia pola proposta de Bruxelas sería o de artes menores, cun posible descenso dos seus ingresos de preto de catro millóns de euros, case o 30% do potencial impacto directo para o conxunto dos buques galegos. Esa incidencia é maior para uns 136 barcos especialmente dependentes destas especies, para os que supoñen máis do 25% dos seus ingresos anuais, aumentando ese impacto para unha vintena de buques que teñen máis da metade das súas vendas asentadas nestes recursos. Esta situación leva a que o impacto potencial por buque de artes menores oscile entre unha media de preto de 1.000 euros anuais e un máximo de 14.500 euros.

O informe tamén cuantifica a incidencia no sector desde o punto de vista laboral e mostra que as propostas de redución de cotas feitas por Bruxelas afectarían a máis de 2.300 tripulantes da frota galega do Cantábrico-Noroeste, cun impacto potencial sobre os salarios dos mariñeiros de máis de 4,6 millóns. Deste xeito, as retribucións dos tripulantes dos buques poderían verse reducidas nunha media de case 2.000 euros anuais.

A estimación realizada por Galicia non só ten en conta o impacto directo na frota e nos seus tripulantes senón tamén a incidencia indirecta sobre os bens e servizos provistos aos barcos, que sería de máis de 6,6 millóns de euros incluíndo os gastos de abastecemento de combustible, xeo, víveres, servizos de reparación ou administrativos, entre outros.

Impacto na economía galega

A caída potencial do conxunto destas actividades levaría a que o impacto global sobre a economía galega ascendese a máis de 29 millóns de euros coa proposta actual de Bruxelas para as augas do Cantábrico-Noroeste tendo en conta que o sector pesqueiro ten incidencia dalgún xeito en 64 das 81 ramas de actividade económica existentes na comunidade.

Ante esta situación, Galicia agarda que os argumentos defendidos pola comunidade e por España sexan tidos en conta no Consello de Ministros de Pesca da próxima semana e que se poidan contrarrestar as propostas de recorte das posibilidades de captura realizadas pola Comisión Europea. Neste sentido, o Executivo galego lembra a importancia de que na fixación das cotas de pesca e na xestión dos recursos se teñan en conta tanto os aspectos medioambientais como os económicos e sociais.
 

Imaxes relacionadas