Lorenzana subliña a contribución dos medios de comunicación na prevención da violencia de xénero e no avance cara á igualdade

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe en Santiago de Compostela o congreso da Asociación de Periodistas de Galicia ‘A influencia da pandemia na igualdade e na violencia de xénero’

A Xunta promove a formación dos profesionais da comunicación e elabora códigos de boas prácticas para o tratamento da violencia de xénero nos medios

Lorenzana destaca que a información axeitada sobre o maltrato “evita mortes”

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2020

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe en Santiago de Compostela o congreso da Asociación de Periodistas de Galicia sobre A influencia da pandemia na igualdade e na violencia de xénero, onde destacou o papel dos medios galegos para acadar unha imaxe igualitaria e non estereotipada da muller e na prevención eficaz da violencia de xénero.

Para acadar o obxectivo dunha imaxe igualitaria e non estereotipada “resulta imprescindible a formación e sensibilización dos e das profesionais e, contar coa complicidade e colaboración das persoas directamente involucradas na comunicación e na publicidade”, subliñou Lorenzana na súa intervención e engadiu que os e as profesionais e principais medios de comunicación do ámbito galego “co seu compromiso e exemplo” sitúan á Comunidade na vangarda da creación de novos modelos para a igualdade.

Segundo apuntou a conselleira, os medios de comunicación supoñen “unha ferramenta de cambio social fundamental”, en especial, como transmisores das noticias relacionadas coa igualdade entre homes e mulleres e coa violencia de xénero, á que se referiu como "a maior das desigualdades”.

A forma en que os medios tratan unha determinada realidade configura a percepción social que se ten dela. Por iso a Xunta leva anos traballando de xeito transversal sobre o tratamento da Igualdade e da violencia de xénero nos medios de comunicación mediante a elaboración de códigos de boas prácticas para o tratamento axeitado da violencia de xénero nos medios ou o desenvolvemento de cursos de formación para os profesionais da comunicación e estudantes universitarios destas titulacións, entre outras medidas.

“Non cabe dúbida de que os medios contribuíron de forma decisiva á sensibilización da sociedade cara a un problema que en España, desde o ano 2003, lles custou a vida a máis de mil mulleres”, recordou Lorenzana.

O papel dos medios de comunicación é clave na loita contra a violencia de xénero, como ferramenta para denunciar estas agresións e tribuna desde a que se pode concienciar á sociedade de que a violencia contra as mulleres é un delito. “A clave é abrir o foco, dar protagonismo a testemuñas de mulleres que lograron saír disto, dar información positiva de avance co obxectivo de que as mulleres que vexan noticia e se atopen en situacións similares, se animen a denunciar e a saír do inferno en vida no que viven”, incidiu a titular de Emprego e Igualdade.

Durante a súa intervención, a conselleira insistiu na necesidade de que o tratamento dos casos de violencia de xénero nos medios responda a criterios de honestidade e responsabilidade e de que os xornalistas sexan conscientes de que “a información sobre maltrato evita mortes, por iso é fundamental poñer especial coidado no seu tratamento”.

O congreso da Asociación de Periodistas de Galicia contou coa colaboración da Consellería de Emprego e Igualdade, enmarcándose como acción dentro do Pacto de estado contra que consta de 10 eixos de actuación e un total de 292 medidas, entre as que se fai referencia ao importante papel que os medios de comunicación xogan na loita contra esta lacra.

Imaxes relacionadas