O presidente da Xunta asistiu hoxe á toma de posesión do novo presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao

Feijóo refírese á finalización das obras do tren a Caneliñas como un dos retos clave da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao

Asevera que a Xunta está moi pendente de Alcoa, á espera de coñecer a resolución do TSXG sobre a impugnación do ERE e recorda que se as portas do diálogo seguen pechadas, non haberá outra posibilidade que a intervención por parte das autoridades do Estado.

Ferrol, 11 de decembro de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe á finalización das obras do tren a Caneliñas como un dos retos clave do novo presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, para contar cun Porto Exterior finalizado, con accesos viarios e ferroviarios.

Durante a toma de posesión de Indalecio Seijo, o presidente do Goberno galego destacou tamén a necesidade de diversificar os tráficos para superar a baixada das importacións de carbóns; e a renovación da fachada marítima coa rehabilitación dos edificios de Aduanas e Comandancia.

Así mesmo, aseverou que a Administración autonómica está moi pendente de Alcoa, á espera de coñecer a resolución do TSXG sobre a impugnación do ERE. “Estamos convencidos de que nos asiste a razón”, dixo, subliñando que o Goberno galego “non vai consentir despidos porque haxa unha empresa que non quere vender os seus activos”. Ao tempo que recordou que se as portas do diálogo seguen pechadas, non haberá outra posibilidade que a intervención de Alcoa por parte das autoridades do Estado.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego recoñeceu o labor das institucións portuarias durante a pandemia e salientou a súa importancia estratéxica no novo contexto da reconstrución económica.

Neste sentido, aproveitou o acto para agradecer o traballo do presidente saínte José Manuel Vilariño, reflectido no esforzo por deixar unha Autoridade Portuaria con máis capacidade para facer fronte aos desafíos do futuro.

Así, salientou os récords de tráfico de mercadorías, como o acadado en 2018, con 13,7 millóns de toneladas; a entrada en funcionamento da terminal de contedores do porto exterior de Caneliñas, con tres liñas regulares xa operativas; a remodelación completa da lonxa de Curuxeiras ou a incorporación do antigo edificio de Aduanas.

O presidente do Goberno galego concluíu reiterando que para afrontar os retos futuros en beneficio da Comunidade, os Portos de interese xeral do Estado seguirán contando, como sempre, coa colaboración activa da Xunta.

Imaxes relacionadas