O Programa Iacobus incorpora ao persoal das fundacións, centros académicos clínicos e institutos de investigación de saúde nas súas estadías

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da CCDR-N, António Cunha, asinaron hoxe a incorporación das 6 entidades que se adhiren á iniciativa da AECT Galicia-Norte de Portugal

O próximo luns ábrese o período de presentación de candidaturas para a oitava edición de estadías de docentes e investigadores galegos e portugueses, que favorecerá aos proxectos relacionados coa loita contra a covid-19

A Xunta colabora neste programa que leva apoiado desde 2014 preto de 1.000 proxectos cun financiamento de máis de 1M€

Vigo, 11 de decembro de 2020

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCD-N), António Cunha, asinaron hoxe a incorporación das fundacións, centros académicos clínicos e institutos de investigación de saúde ao programa IACOBUS da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal. Ao acto tamén asistiron o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo; a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

As 6 novas entidades poderán participar nas estadías de investigación da oitava convocatoria do programa que comeza o vindeiro luns o prazo de inscrición. Trátase da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), a Fundación Profesor Nóvoa Santos, a Fundación Biomédica Galicia Sur, o Instituto de Investigación e Innovación en Saúde (i3S), o Centro Clínico Académico Braga (2 CA-Braga) e o Centro Académico Clínico ICBAS – CHP.

Estes centros súmanse ás 11 universidades e 22 centros tecnolóxicos que xa forman parte do programa IACOBUS, contribuíndo, ao fomento da cooperación científica, cultural e pedagóxica, a través da mobilidade dos recursos humanos das institucións da Eurorrexión. A súa incorporación permitirá favorecer a investigación no ámbito da saúde trala pandemia da covid-19.

O vicepresidente primeiro da Xunta apelou a manter os vínculos e a cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal con iniciativas conxuntas, tamén no ámbito da investigación e na loita contra a covid-19 e con programas de éxito no ensino superior como o IACOBUS.

Nesta liña, a oitava edición do programa, dotada con 190.000 euros, prestará unha especial atención á loita contra o coronavirus, tanto desde o punto de vista sanitario, como social e económico. Desde o próximo luns ata o 1 de febreiro poderán presentar as súas candidaturas para mobilidade académica persoal docente e investigador (PDI), investigadores predoutorais ou postdoutorais integrados en grupos de investigación e persoal administrativo e de servizos (PAS) das universidades e institutos de ensino superior.

As fundacións, centros académicos clínicos e institutos de investigación de Saúde serán considerados como parte das universidades ás que están vinculados. Tamén poderán inscribirse investigadores ou xestores de proxectos de I+D+i e persoal con estas funcións dos centros tecnolóxicos. As estadías desta edición do programa IACOBUS deberán realizarse entre o 15 de marzo e o 30 de setembro de 2021.

Por outra banda, terá o mesmo período de inscrición a terceira edición do IACOBUS- Papers, que conta cun investimento de 60.000 euros para fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e de divulgación científica, a través da publicación de artigos de autores de institucións de ensino superior da Eurorrexión.

Balance programa IACOBUS

O IACOBUS é un programa de gran éxito no universo académico da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, que suma preto de 1.800 candidatos nas sete edicións anteriores, entre os cales foron seleccionados 964 proxectos de investigación en múltiples áreas do coñecemento, cun financiamento de máis de 1 millón de euros, no marco do Programa INTERREG VA España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

Imaxes relacionadas