A Xunta colabora en melloras ambientais e de infraestruturas levadas a cabo no concello de Frades

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe os traballos realizados este ano na cubrición e ampliación do parque de Ponte Carreira e o equipamento adquirido en conxunto con Mesía para os servizos municipais de protección do medio ambiente

A Xunta apoia estas actuacións a través da Orde de infraestruturas de uso público e do Fondo de Compensación Ambiental, que supuxeron un investimento de 116.600 euros este exercicio

As achegas do Goberno galego ao municipio nos últimos anos sitúase arredor dos 670.000 euros

Frades (A Coruña), 11 de decembro de 2020

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá as actuacións levadas a cabo no concello de Frades para melloras ambientais e das súas infraestruturas con apoio do Goberno galego.

Así, comprobou os traballos no parque infantil de Ponte Carreira, no que a Xunta colabora na súa cubrición e ampliación a través da orde de Infraestruturas de uso público. Esta liña de axudas conta cun orzamento de catro millóns de euros, un millón máis que o exercicio anterior, e que precisamente na convocatoria deste ano prima os proxectos de cubrición de parques infantís. A través desta orde, os concellos poden crear, mellorar ou reformar infraestruturas básicas dos servizos municipais. As actuacións neste parque inclúen ademais a renovación do pavimento e dos xogos infantís.

Por outra banda, Natalia Prieto comprobou o equipamento que emprega o persoal do concello para as actuacións de mellora, mantemento e protección do medio ambiente. O concello de Frades solicitou de forma conxunta co de Mesía apoio da Xunta para os custos de funcionamento de persoal e equipamentos dos servizos municipais encargados da conservación e recuperación do medio natural como paseos, áreas recreativas e rutas de sendeirismo co obxectivo de poñer en valor os seus recursos naturais como reclamo turístico.

Así, o Goberno galego vén colaborando nos últimos anos nestes gastos ambos concellos mediante o Fondo de Compensación Ambiental, dotado con 12,5 millóns na convocatoria deste exercicio, e que financia accións dos concellos baseadas na sustentabilidade, a biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos.

A directora xeral de Administración Local destacou a aposta do concello de Frades, xunto con Mesía, por unha xestión eficiente dos recursos dispoñibles co obxectivo de prestar servizos de calidade aos veciños ao mesmo tempo que se minimizan e reducen custos. Deste xeito, as axudas solicitadas de forma conxunta con Mesía para a protección do medio ambiente e o medio natural ao abeiro do Fondo de Compensación recibidas nos últimos anos supera os 333.600 euros.

O investimento do Goberno galego no concello de Frades este exercicio ascende a 116.600 euros nas actuacións no parque infantil de Ponte Carreira e no financiamento dos servizos municipais de protección do medio ambiente. As achegas nos últimos anos ao municipio a través das distintas liñas de axudas da Administración autonómica sitúanse arredor dos 670.000 euros.

Imaxes relacionadas