A Xunta destina máis de 133.000 euros á redacción do proxecto sectorial do parque empresarial de Paderne de Allariz

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2020

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), destinará un total de 133.183,19 euros á redacción do proxecto sectorial do parque empresarial de Paderne de Allariz (Ourense), unha vez que o contrato para a redacción do mesmo foi adxudicado á empresa Proyfe, S.L.

O parque empresarial está incluído no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia, cunha superficie total que supera os 1,12 millóns de metros cadrados, dos que máis de 628.000 m2 corresponderán a parcelas de uso industrial e comercial.