A Xunta realiza actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do regueiro do Mesón ao seu paso polo concello de Forcarei

Esta actuación de Augas de Galicia lévase a cabo nun tramo de algo máis de 1 km no percorrido deste río pola parroquia de Ventoxo

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executa actuacións de limpeza e conservación no treito interurbano do regueiro do Mesón, ao seu paso polo municipio de Forcarei.

Os traballos que Augas de Galicia está executar coinciden cun tramo interurbano deste río, de algo máis de 1 quilómetro de lonxitude, no seu percorrido pola parroquia de Ventoxo.

As tarefas que se realizan céntranse na retirada de árbores mortas e madeira caída sobre a canle, así como o apeo puntual de árbores ou de podas, en caso de perda de estabilidade e risco claro de caída. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-sur e as súas zonas de acceso e protección.

Este tipo de traballos permiten a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.
 

Imaxes relacionadas