A campaña da Xunta de información e sensibilización Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual instálase hoxe en Barreiros

A iniciativa da Consellería de Emprego e Igualdade, que está a percorrer Galicia, inclúe diferentes talleres e actividades lúdicas dirixidas a todas as idades

Trátase de concienciar á cidadanía na eliminación de comportamentos machistas e combater o sexismo desde a infancia

Barreiros (Lugo), 11 de decembro de 2020

A localidade luguesa de Barreiros acolle hoxe a campaña Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual, que está a percorrer os concellos galegos que forman parte da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero e que solicitaron participar nesta iniciativa da Consellería de Emprego e Igualdade.

A montaxe ofrece á cidadanía participar en obradoiros de sensibilización e actividades lúdicas, sempre cumprindo con toda a normativa de prevención contra a covid-19. Todos os talleres son inclusivos e están dirixidos a todas as idades. No caso do público infantil, hai un espazo especial destinado a dinámicas adaptadas á súa idade.

Os obradoiros están divididos en áreas de traballo con contidos concretos co obxectivo de sensibilizar á poboación contra a violencia sexual. Entre as temáticas que se abordan destacan o desmantelamento de estereotipos de xénero co obxectivo de combater o sexismo desde a infancia; mitos sobre o amor; alerta de micromachismos; a parella e a igualdade; autoestima e valoración persoal; violencia e novas tecnoloxías; educación en igualdade; e a importancia de estar informados.

A rede de entidades locais contra a violencia de xénero creouse en 2012 a través dun convenio de colaboración asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Na actualidade hai 211 municipios adheridos que impulsan, en coordinación coa Administración autonómica, accións de sensibilización e concienciación contra a violencia de xénero, como o stand que se pode visitar hoxe na praza do Concello de Barreiros en horario de 10,00 a 14,00.