O titular do Goberno galego presidiu a entrega do VIII Premio á Excelencia Empresarial do Club Financiero de Santiago

Feijóo destaca que Galicia optou por construír o seu modelo para loitar contra a pandemia, baseado na unidade e a cooperación

Salienta que a estabilidade política da Comunidade é propicia precisamente para afrontar os momentos de inestabilidade

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que, ao igual que fixo na remontada contra a crise económica, Galicia optou por construír o seu modelo para loitar contra a pandemia, baseado na unidade interna e na cooperación externa. Na unidade para afianzar os vencellos que unen aos galegos e na colaboración con todas as administracións con responsabilidades nesta Comunidade.

Durante o acto de entrega do VIII Premio á Excelencia Empresarial do Club Financiero de Santiago, Feijóo salientou que a estabilidade política da Comunidade é propicia precisamente para afrontar os momentos de inestabilidade.

Nesta liña, subliñou que Galicia propiciou a unidade mediante mensaxes que eluden polémicas estériles e recorrendo a comisións e comités de expertos para fundamentar as decisións en datos obxectivos, recordando, a modo de exemplo, a Comisión Next Generation Galicia.

Así mesmo, ao longo da súa intervención, Feijóo viu neste oitavo premio, concedido a El Correo Gallego, o recoñecemento a un valor indispensable nunha democracia: a verdade. Así, resaltou que un medio de comunicación achega unha base común sobre a que construír o pluralismo, o debate e a discrepancia, subministrando criterios que unen e non dogmas que exclúen.

O presidente da Xunta concluíu lembrando que un periódico, unha radio ou unha televisión seguen sendo parlamentos nos que se fala e se debate; un lugar onde se fai país.

Imaxes relacionadas