Lete Lasa defende a dieta atlántica e a actividade física como os baluartes que conducirán á nosa poboación cara á inmunidade de grupo contra o sedentarismo

A Secretaría Xeral para o Deporte traballa en convenios de colaboración para a implantación de DAFIS noutras comunidades así como proxectos de colaboración para a posta en marcha de prescrición de exercicio e avaliación da condición física en poboacións con patoloxías ou a apertura de novos grupos de idade para prescribir actividade física tamén nos maiores de 60 anos

Arteixo (A Coruña), 10 de decembro de 2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe da mesa saudable sobre os distintos aspectos que forman parte do concepto de dieta atlántica, organizadas por Vegalsa-Eroski. Alí, o mandatario galego falou da necesidade de “recuperar o estilo de vida que xa tiñan os nosos avós e as nosas avoas e no que reside o segredo da lonxevidade e a calidade de vida”. Neste sentido apuntou que para acadar unha poboación activa e saudable cómpre “abandonar o ritmo frenético dunha sociedade e recuperar vellos hábitos como os de comer mellor, camiñar máis e practicar actividade física máis decotío”.

Eses son os hábitos, apuntou, “que debemos recuperar para crear unha sociedade mellor, máxime agora, no medio da pandemia por mor do coronavirus. “Se somos capaces de que todos os nosos cidadáns e cidadás adquiran estes hábitos tamén estaremos a camiñar cara a outra inmunidade de grupo, a que nos protexerá das mortes, enfermidades e discapacidades provocadas polo sedentarismo e a práctica insuficiente de actividade física”, concluíu.

Na súa intervención, Lete Lasa destacou a importancia de ferramentas das que dispón a Xunta de Galicia como o Plan Galicia Saudable, nado en 2012 para facer fronte ao sedentarismo e a práctica insuficiente da actividade física e, dentro desta, a plataforma DAFIS (Datos sobre a Valoración da Condición Física Saudable), que permite avaliar a condición física das capacidades relacionadas coa saúde. A base científica no proceso de avaliación con DAFIS e na prescrición de exercicio físico viuse potenciada coa figura dunha Cátedra institucional coa Universidade da Coruña, que permitiu e permite acreditar cientificamente todas as actuacións e proxectos que se deseñan desde a Secretaría Xeral para o Deporte.

Cómpre salientar que a plataforma DAFIS xa foi recoñecida pola oficina europea da Organización Mundial da Saúde como exemplo de boas prácticas para a promoción da actividade física no ámbito escolar, en 2018. Grazas a esta ferramenta xa se realizaron 29.698 valoracións totais e 17.266 alumnos valorados, un éxito que desembocou na sinatura do convenio entre as consellerías de Sanidade, Educación e a Secretaría Xeral para o Deporte para o traballo colaborativo interdepartamental. Os profesores dos centros educativos avalían a condición física dos nenos, cuxos resultados pode consultar o pediatra.

De feito, para este exercicio de 2021, a Secretaría Xeral para o Deporte traballa en convenios de colaboración para a implantación de DAFIS noutras comunidades así como proxectos de colaboración para a posta en marcha de prescrición de exercicio e avaliación da condición física en poboacións con patoloxías; apertura de novos grupos de idade para prescribir actividade física tamén nos maiores de 60 anos; apertura a entidades deportivas (clubs deportivos) para o seu utilización nas categorías base, como complemento aos servizos deportivos e sociais que desenvolven os clubs en Galicia, tanto aos deportistas como ás familias (deporte e saúde); ou a validación.

Imaxes relacionadas