A conselleira de Política Social explicou hoxe no Parlamento autonómico as medidas de prevención que se están a desenvolver nos centros de atención á infancia

Fabiola García salienta a "normalidade" do inicio do curso nas escolas infantís de Galicia no actual contexto de pandemia

Remarcou que para o Goberno galego “a prioridade absoluta seguirá sendo garantir a máxima protección para a comunidade educativa”

Destacou a previsión con que se actuou, con protocolos para todos os centros e a súa adaptación á nova realidade; así como coa formación dos profesionais en materia de seguridade e hixiene, e a realización a todos eles de probas PCR

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou hoxe a “total normalidade” con que se está a desenvolver o inicio do curso nas escolas infantís de Galicia no actual contexto marcado pola pandemia. Fíxoo nunha resposta oral no Parlamento autonómico, na que manifestou que “a prioridade absoluta seguirá sendo garantir a máxima protección para a comunidade educativa”.

Fabiola García detallou que tres meses despois do comezo das clases, máis do 99% das escolas infantís de Galicia funcionan con total normalidade e que soamente catro están pechadas temporalmente por indicación sanitaria, coa previsión de que reabran nos vindeiros días. A titular de Política Social achacou esta situación a que se actuou con previsión desde varios meses antes do inicio do curso.

De feito, a Xunta dotou a todos os centros de atención á infancia dun protocolo de actuación fronte á covid-19 elaborado conxuntamente polas Consellerías de Política Social e Sanidade; puxéronse a punto todas as instalacións co fin de adaptalas á nova realidade; deuse formación en materia de seguridade e hixiene aos profesionais das escolas; e realizáronse probas PCR a todo o persoal antes do comezo do curso.

A conselleira tamén destacou a profesionalidade dos traballadores dos centros de atención á infancia nunha situación excepcional que non ten precedentes, así como a implicación e responsabilidade das familias.

Imaxes relacionadas