A Xunta aumenta o espazo educativo no CPI O Toural coa creación de novas aulas e renova a carpintaría exterior para favorecer a ventilación fronte á covid-19

A delegada territorial, Luisa Piñeiro, realiza unha visita a esta actuación, na que se invisten 63.000€ e que entra na súa fase final coa apertura e reemprazo de fiestras

O proxecto contemplou a conversión da baleira casa do conserxe nunha biblioteca e a división da existente en dúas aulas, ao tempo que se aumentaron as dimensións dalgunhas clases e aseos

A representante autonómica pon en valor o “esforzo” da Consellería de Educación para atender todas as necesidades dos centros “ante o curso máis difícil”

Vilaboa, 10 de decembro de 2020

A Consellería de Educación vén de acometer un importante proxecto de reforma no CPI O Toural, no Concello de Vilaboa, co incremento dos espazos a través da creación de novas aulas e coa renovación da carpintaría exterior para favorecer a ventilación do centro como medida de prevención sanitaria fronte á covid-19.

Con motivo destes traballos, que agora afrontan a súa fase final coa apertura e reemprazo das fiestras, a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, achegouse ata o colexio para visitar esta actuación, na que se invisten máis de 63.000€. Tras o percorrido, a representante autonómica quixo poñer en valor o “esforzo” que está a realizar a Xunta de Galicia para atender todas as necesidades dos centros e mellorar a súa confortabilidade, “algo que se leva facendo arreo na última década, o que nos leva a ter unha rede escolar máis moderna e con cada vez máis servizos punteiros, e que estamos a intensificar ata o extremo neste curso, que é o máis difícil e complexo por mor da pandemia e pola nosa intención prioritaria de preservar a saúde dos cativos”.

As obras realizadas no CPI O Toural consistiron na reforma da vivenda do conserxe, que leva baleira bastante tempo, para a súa conversión en biblioteca e a rehabilitación e división do espazo da existente para gañar dúas aulas e favorecer a operatividade do centro. Ademais, esta reforma, á que se adicaron máis de 48.000€, tamén serviu para acometer unha modificación de aulas de educación infantil e dun aseo que lles permitiu incrementar as súas dimensións, realizar a apertura dun oco para unha nova fiestra e cambiar os falsos teitos e a iluminación.

A esta actuación, que xa está rematada, a Consellería de Educación decidiu engadir unha mellora, orzamentada nuns 15.000€ máis, consistente no cambio da carpintaría exterior e das fiestras en dúas aulas para favorecer a ventilación do seu interior como medida de contención fronte á covid-19 e de redución do risco de contaxios. Ditos traballos estanse a realizar na actualidade e está previsto que queden rematados nos vindeiros días para dar por completada esta intervención no colexio de Vilaboa.

Imaxes relacionadas