Ángeles Vázquez defende que as medidas impulsadas pola Xunta e os seus resultados son a mellor mostra de que Galicia suma na solución ao problema global do cambio climático

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recorda que Galicia conta coa súa propia folla de ruta para mitigar os efectos do cambio climático, un modelo que ten despertado o interese do Principado de Asturias, administración coa que se colaborará na redacción da súa estratexia de acción climática

Salientou que, para actuar desde o eido local e mellorar a resiliencia da Comunidade, se impulsou a Oficina do Pacto dos alcaldes polo clima e a enerxía, á que xa están adheridos 229 concellos

Vázquez Mejuto defende que os indicadores da Axenda 2030, a pegada ecolóxica de Galicia ou a redución de gases efecto invernadoiro (GEI) son un aval á política contra o cambio climático que impulsa o Goberno galego

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, defende que as medidas postas en marcha por Galicia e os resultados de certos indicadores ambientais obtidos son unha mostra de que a Comunidade galega é parte da solución, e non do problema, ao cambio climático.

A conselleira de Medio Ambiente interviu no pleno do Parlamento para dar conta das iniciativas postas en marcha polo Goberno galego para mitigar os efectos do cambio climático na Comunidade e avanzar cara a economía circular. “Unhas medidas e accións que sitúan a Galicia na vangarda da loita contra este fenómeno global, por diante doutras rexións e, incluso, do propio Goberno central”, defendeu.

Un dos fitos que avala as políticas do Goberno galego nesta materia é a aprobación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, que leva aparellado o Plan rexional integrado de enerxía e clima 2019-2023, no que se definen 170 medidas en 4 ámbitos de actuación (mitigación, adaptación, investigación e sensibilización) e que supoñen un investimento de 1.250 millóns de euros. Avanzou que este proxecto ten despertado o interese da Consellería de Medio Ambiente do Principado de Asturias, que solicitou a colaboración da Administración galega nos traballos preliminares da súa estratexia de acción climática.

A conselleira de Medio Ambiente salientou a necesidade de coñecer os efectos do cambio climático a nivel local e rexional e actuar para mellorar a resilencia de Galicia. Por iso, se apostou pola adhesión dos concellos ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, ao que xa se adheriron 229 concellos e dos que 170 xa contan con seu propio plan de acción. Engadiu que esta colaboración se manterá no ano 2021 grazas aos 1,5 millóns de euros en axudas que se disporán para avanzar neste obxectivo.

Vázquez Mejuto destacou que outro chanzo ascendido foi a aprobación da Estratexia de Economía Circular 2030, que marca o camiño para avanzar da economía lineal a unha circular; un traballo que se pecha coa aprobación da Lei de residuos e solos contaminados, que onte mesmo iniciou a súa tramitación na Cámara galega, adiantando ao Goberno do Estado que polo momento só dispón dun texto articulado que non obtivo o visto e prace do Consello de Ministros.

Resultados obtidos

A conselleira salientou que as ferramentas citadas anteriormente foron os últimos avances nesta materia, pero a Administración leva anos tomando medidas para loitar contra o cambio climático e agora reportan resultados positivos para a Comunidade.

A modo de exemplo, citou o diagnóstico baseado nos indicadores da Axenda 2030 propostos pola ONU, entre as que se conclúen un aumento do volume das augas residuais depuradas, a evolución positiva do turismo sustentable ou a aprobación da estratexias galegas de Economía Circular e de Cambio Climático e Enerxía.

Lembrou que Galicia conta co primeiro estudo da pegada ecolóxica, un indicador sostible a nivel internacional que permite recoñecer o impacto das actividades humanas sobre a natureza así como valorar a eficacia das políticas medioambientais e, que no caso de Galicia, se fixa nun 3,35 hectárea global por habitante, medio punto por debaixo da media estatal.

Engadiu que recentemente se coñeceu o dato de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) relativos ao ano 2018, o último dato dispoñible, que poñen de manifesto a redución nun 1,7% respecto do ano anterior, é dicir, medio millón de toneladas de CO2 equivalente menos; que xunto co feito de que o Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia de 2018 medrou un 2,8%, evidencia unha progresiva descarbonización da economía, polo que Galicia está a mellorar a súa capacidade de resposta e resiliencia contra o cambio climático.

Por último, salientou que estas medidas concretas e resultados van máis alá dunha declaración de intencións e son unha clara aposta pola acción climática, que é a expresión máis actualizada e eficaz para definir a loita contra o cambio climático.

Imaxes relacionadas