A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade interveu hoxe no Parlamento de Galicia para abordar os investimentos da Xunta no saneamento das rías

Ethel Vázquez avanza a licitación a vindeira semana do novo Plan galego de saneamento por 1,7 millóns de euros

Vázquez Mourelle subliña que se actualizará o Plan de saneamento vixente para adaptalo aos desafíos cambio climático

Sinala que o plan permitirá xestionar o saneamento e a depuración tendo especialmente en conta a sustentabilidade, a relación co medio natural e os ecosistemas fluviais ou o fomento dun modelo circular para estes servizos

Salienta que a Xunta investiu 1.100 M€ desde 2009 en máis de 300 actuacións de abastecemento e 350 obras en saneamento, a pesar de seren competencias locais

Fai fincapé en que o Goberno galego está a destinar 600 M€ ao saneamento das rías, logrando que o 77,5% das masas de auga se atopen xa en bo estado

Destaca o investimento de 100 M€ no saneamento da ría do Burgo e insta ao Goberno central a licitar xa a dragaxe porque xa non ten escusa para non facelo

Remarca a importancia de explotar e conservar as infraestruturas axeitadamente, para o que a Xunta creará unha Sociedade pública para a xestión do ciclo da auga

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe no Parlamento que a Xunta licitará a vindeira semana a primeira fase para a elaboración do novo Plan galego de saneamento, por máis de 1,7 millóns de euros.

Vázquez Mourelle subliñou que se trata de actualizar o Plan de saneamento vixente, elaborado hai dúas décadas co obxectivo de adaptalo aos novos desafíos derivados do cambio climático.

Precisou que se analizará a situación actual e se elaborarán unhas directrices metodolóxicas e técnicas para logo redactar o Plan Galego de Saneamento, propiamente dito.

Este documento permitirá afrontar a xestión dos sistemas de saneamento e depuración, tendo en conta aspectos como a sustentabilidade, a relación co medio natural e os ecosistemas fluviais ou o fomento dun modelo circular específico para estes servizos.

Salientou que o abastecemento, o saneamento e a depuración son competencias municipais, tal como se establece na normativa básica en materia de réxime local. Aínda así, puxo en valor o apoio que a Xunta lle presta aos municipios na xestión da auga.

Destacou que desde 2009 o Goberno galego leva achegado 1.100 millóns de euros á execución de máis de 300 actuacións en materia de abastecemento en 165 concellos e máis de 350 obras en saneamento en beneficio de 186 concellos.

Saneamento das rías

Ethel Vázquez indicou que o esforzo realizado nesta materia ten permitido mellorar a calidade das augas das rías en 7 puntos nos últimos anos, logrando que o 77,5% das masas de auga se atopan en bo estado de acordo coa normativa comunitaria.

Para acadar estes obxectivos, concretou que o Executivo autonómico está a destinar en conxunto 600 millóns de euros ao saneamento das rías.

Lembrou que na ría de Arousa, o Goberno galego impulsou as depuradoras do Grove ou de Ribadumia e actualmente está a executar as obras da depuradora de Rianxo, entre outras.

Destacou que na ría do Burgo, se levan investidos 100 millóns de euros en actuacións que xa lograron mellorar a calidade das augas e recuperar a actividade marisqueira. Neste caso, a conselleira instou ao Goberno de España a axilizar a licitación da dragaxe da ría do Burgo, pois a Xunta xa publicou no Diario Oficial de Galicia a certificación sobre a dispoñibilidade dos terreos hai máis de dous meses, polo que o Executivo español non ten escusa para non licitar.

Na ría de Pontevedra, Augas de Galicia leva achegado 65 millóns de euros en materia de saneamento e abastecemento. Na actualidade, continúa a mellora da depuradora dos Praceres, que rematará a mediados do 2021, e xa se contratou a construción do novo emisario submarino, para iniciala a principios do 2021.

Na ría de Ferrol, a Xunta investiu 115 millóns desde 2009, financiando o saneamento da marxe sur da ría e todo o sistema en servizo coa posta en marcha da depuradora e a conexión da nova rede. Cómpre tamén sumar 7 millóns para o saneamento da Malata, que está a piques de rematar.

Nas Rías Altas, por exemplo nas de Ares- Betanzos, o investimento executado e previsto en actuacións supera os 17 millóns de euros. Destacan intervencións de envergadura como a execución da depuradora de Gandarío ou a actual mellora do saneamento de Pontedeume.

Xestión e conservación das infraestruturas

A Conselleira tamén remarcou que tan importante como executar as infraestruturas hidráulicas, é xestionalas, explotalas e conservalas nas mellores condicións.

Para isto, lembrou que a Xunta está a impulsar a creación dunha Sociedade pública para a xestión do ciclo da auga coa fin de apoiar aos concellos neste obxectivo.

Salientou que os Orzamentos da Consellería de 2021 recollen unha partida de 5 millóns de euros para poñer en marcha esta sociedade.

Imaxes relacionadas