A Xunta aposta polo talento e a innovación para impulsar a competitividade do sector comercial

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou hoxe na Cámara de Comercio de Santiago na entrega dos premios Peme A Coruña 2020

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2020

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou hoxe na Cámara de Comercio de Santiago na entrega dos premios Peme A Coruña 2020, no que sinalou que a Xunta seguirá apoiando este tipo de certames para recoñecer e fomentar o talento e a innovación, impulsando así a competitividade de sectores que están a sufrir os efectos da actual crise sanitaria como o comercial.

Na súa intervención destacou as iniciativas realizadas polos diferentes sectores, e en especial, dos que contribuíron a minimizar a pandemia, como o caso da compañía Bionix, á que entregou o accésit como mellor iniciativa na loita contra a covid-19.

No acto celebrado hoxe tamén foron recoñecidas con accésits as empresas Wind1000 Services, no ámbito da internacionalización; o Instituto Oftalmolóxico Gómez Ulla, no eido da dixitalización e a innovación; Art&Graphic Packacing, no tocante á formación e o emprego; e Dinahosting, como empresa responsable. O premio á Peme A Coruña 2020 recaeu en Papelera de Brandía.