A conselleira do Mar respondeu no Parlamento a unha pregunta sobre a situación dos bancos marisqueiros da ría ferrolá

A Xunta continúa a súa aposta pola mellora da produción na ría de Ferrol con 1,5 millóns de euros para o 2021

O Executivo galego vén traballando neste cometido desde 2009 con accións como obras de saneamento que permitiron mellorar a clasificación microbiolóxica de catro das nove zonas marisqueiras ou a implantación do sistema de bateas de reinstalación

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, ratificou hoxe no Parlamento o compromiso da Xunta coa ría de Ferrol, unha aposta, especificou, que nos orzamentos da Consellería do Mar para o 2021 se materializa con 1,5 millóns de euros. Isto reflicte, aclarou, “que estamos dispostos a seguir traballando pola ría de Ferrol e polo marisqueo”.

Nesta liña, Rosa Quintana insistiu en que ese é un cometido no que vén traballando o Goberno autonómico desde o ano 2009 con diferentes actuacións e medidas. Entre elas destacou as obras de saneamento “que permitiron mellorar a clasificación microbiolóxica de catro das nove zonas marisqueiras e non empeorar en ningunha” e que repercutiron na cifra de permisos de explotación marisqueira, que no caso do marisqueo a pé pasou de 123 no ano 2010 a 233 no 2019, e no caso do marisqueo a flote se estabilizou desde 2013.

A isto tamén contribuíu, engadiu a titular de Mar, a implantación do sistema de bateas de reinstalación no ano 2012, “grazas ao que se puido retomar gran parte da actividade extractiva en toda a ría durante todo o ano e poñer no mercado 320 toneladas de marisco que xeraron 2,7 millóns de euros en primeira venda”.

Ademais, Rosa Quintana destacou os máis de 40 proxectos de rexeneración aprobados desde o ano 2010 ás confrarías da ría aos que se unen os traballos con investimento propio da Consellería do Mar para mellorar o estado dos bancos, sumando arredor de dous millóns de euros de achega económica.

A maiores, a conselleira explicou que hai case un ano o Executivo autonómico empezou a analizar a posibilidade de desenvolver labores xunto coa Estación Biolóxica da Graña para sumar esforzos no coñecemento das circunstancias que minoran a produción da ría.

Neste labor a favor do sector marítimo-pesqueiro da zona, expuxo, o único apoio co que contou a Xunta foi o da Autoridade Portuaria de Ferrol. En canto ás restantes administracións, entre elas a municipal e a central, lembrou que “en días pasados o alcalde amosou o seu apoio” a este proceso de recuperación da ría de Ferrol, pero que “hai cuestións do Goberno de Madrid polas que se levan agardando un par de anos”. Neste sentido, hai que lembrar que en setembro de 2018 a Delegación do Goberno en Galicia anunciou ás confrarías que ía encargar un informe ao Centro de Estudios e Experimentación de Obras Públicas (Cedex) sobre os sedimentos da ría de Ferrol, un estudo que, segundo respostas ofrecidas no Senado, non se ten nin iniciado.

Imaxes relacionadas